O Obra visitará ao Zaragoza con ánimos de desquite

O equipo de Moncho Fernández viaxa até Zaragoza, un equipo que se lle resiste na súa casa. Ademais, Riazor recibe esta sexta feira ao Real Valladolid.
Moncho Fernández, na rolda de prensa en Compostela (Foto: CAB Obradoiro).
photo_camera Moncho Fernández, na rolda de prensa en Compostela (Foto: CAB Obradoiro).

O Monbus Obradoiro terá este sábado a oportunidade de recuperarse da derrota que padeceu a pasada xornada diante do Real Madrid. Non lle será fácil ao ter que enfrontarse ao Zaragoza na capital aragonesa (20.45 horas), unha situación que só rematou en vitoria galega nunha ocasión, na tempada 2018-2019, das once que tivo como equipo da liga ACB. 

Sobre o rival, Moncho Fernández falou esta quinta feira en rolda de prensa. O adestrador do Obra recoñeceu que "Porfirio Fisac ten unha filosofía que leva moitos anos aplicando con moito éxito” polo que “os seus equipos son moi recoñecíbeis nese aspecto”. 

Cre que o Zaragoza tentará  “correr e, se non poden anotar na primeira onda, xogarán accións de transición buscando eses obxectivos e explotar as vantaxes que teñen”. 

Preguntado por se o Casademont Zaragoza conta cun xogo rápido, o técnico obradoirista destacou que "xogamos o mesmo número de posesións ambos os dous equipos, desde a chegada de Porfi, por tanto, o mesmo ritmo.

Nós tamén tentaremos correr sempre que podamos, porque é algo que queremos facer”. Ademais, o Obra buscará “desenvolver o xogo de media pista ou en transición. Máis que o ritmo eu creo que a clave volverá estar no control do rebote, como a semana pasada ante o Real Madrid, que xa era un dos mellores no rebote ofensivo”. 

O Coruña recibe en Riazor ao Real Valladolid

Esta quinta feira tamén compareceu en rolda de prensa Diego Epifanio, adestrador do Leyma A Coruña. O equipo herculino xogará hoxe en Riazor contra o Real Valladolid (20.30 horas).

O técnico sinalou o estado dos xogadores tras a vitoria a domicilio lograda en Melilla o pasado domingo están “con moitas ganas de volver xogar no Pazo despois dun mes longo que non xogamos aquí”.

O rival tamén gañou a pasada xornada, ante o Estudantes, e para Epifanio “é o equipo máis físico da liga, obriga sempre aos rivais para xogar moi incómodos, continuo uso de mans, continuos contactos na defensa” polo que “fai que os equipos xoguen moi incómodos”. 

Sobre as chaves para poder sacar a vitoria, o técnico do burgalés indicou que “primeiro, tentar facer o noso xogo, sentirnos cómodos no campo” para logo “xogar ben e tentar facer os mellores tiros posíbeis”.

Comentarios