Opinión

Moncho Fernández

Chegada a primavera e os veredictos das competicións deportivas, Compostela celebra un ano máis a proeza de manter o seu equipo de baloncesto na división de ouro. 

Chegada a primavera e os veredictos das competicións deportivas, Compostela celebra un ano máis a proeza de manter o seu equipo de baloncesto na división de ouro. Cómpre, dentro do meritorio resultado, o debido recoñecemento a Moncho Fernández, que capitanea este proxecto deportivo, collendo o testemuño que deixara aquel Compos mataxigantes. Mágoa non coincidiren, pero a cidade, na súa transhumancia de estudantes, funcionarios e directores xerais, só ten unha bala de prata para o deporte de elite.

"Gústanos o Obra porque representa, ante todo, o espírito combativo e resistente dos equipos galegos".

Gústanos o Obra porque representa, ante todo, o espírito combativo e resistente dos equipos galegos. Así é como o deportivismo aceptou o adeus das vacas gordas, aferrándose a épicas colectivas máis modestas ou no celtismo aclamamos a Mostovoi, por xenio terrible e incomprendido, e recuperamos a afouteza do himno da man dos nosos canteiráns.

Vén isto a conto, porque o Obra resiste reinventándose. Podería dicirse que é un equipo de autor. Pero Moncho vén de Pontepedriña e non é dado á pedantería ao uso, nin ás frases gastas, sabendo que a forza radica no colectivo. As capacidades alquimistas que lle atribúen consisten en que o nervio do miudiño penetre nos músculos aceirados de xigantes que chegan dos cinco continentes, no casting estival de cada tempada. 

"A Moncho enténdeselle todo porque fala en galego. E fálao ben, alto e claro, como o Obra que dirixe"

Máis mérito ten o deste ano, se cabe, cando as augas institucionais baixan revoltas polo Sar –polos imponderables vasos comunicantes entre deporte e finanzas- pero o milagre de cada asalto á elite, reconcílianos, como afeccionados, cunha causa que contradí lóxicas, expectativas e tecnicismos. Ao fin e ao cabo, depende de que a pelota entre ou non. Moncho, como profesor de historia que é, sabe que o éxito é efémero e sic transit gloria mundi, polo que se consagra a ese grito festivo e pagán que é o Fontes do Sar.

De entre o barullo que atrona no coliseo, nas plácidas mañás dominicais, destácase nos tempos mortos a voz enérxica deste adestrador, nun inglés directo e franco que debeu aprender nas diásporas peninsulares para comunicarse con quintetos babélicos. Pero, logo, a Moncho enténdeselle todo porque fala en galego. E fálao ben, alto e claro, como o Obra que dirixe. Por se  alguén aínda non se decatara.

Comentarios