Breogán e Obradoiro teñen que gañar si ou si para estar na Copa

Os de Lugo visitan Unicaja e os da capital, Betis
A vitoria celeste no derbi deixou Breogán máis preto da Copa. (Foto: Breogán).
photo_camera A vitoria celeste no derbi deixou Breogán máis preto da Copa. (Foto: Breogán).

Quedan só dúas xornadas para dilucidar os oito participantes da próxima edición da Copa do Rei de baloncesto, e tanto Breogán de Lugo como Obradoiro de Compostela teñen opcións para facerse con algunha das tres prazas que quedan por dilucidar e que teñen outros cinco aspirantes.

Quen mellor o ten é, precisamente, o rival desta fin de semana do Leite Río Breogán (hoxe, 18 horas). Se os andaluces de Unicaja -quintos con 10 triunfos- gañan, obterán automaticamente o seu boleto para un torneo que se disputará en Badalona.

O Breogán -noveno con oito vitorias- necesita impedilo imperiosamente, pois a pesar de estar empatado a triunfos conta con peor basket average que Gran Canaria e Surne Bilbao Básket, ademais dun calendario moito máis complicado, xa que de saír vivo desta final anticipada co Unicaja a próxima semana terá que facer o más difícil todavía ante o todopoderoso líder da ACB, o Real Madrid.  

Con respecto ao Monbus Obradoiro, a derrota co Breogán no derbi galego da última xornada deixou os da capital da Galiza con pé e medio fóra da Copa, pero como se adoita dicir, mentres hai vida hai esperanza, e as matemáticas aínda lle outorgan opcións de clasificarse. Con sete vitorias e un basket average negativo (-46), todo pasa pasa por vencer mañá o Betis (12.30 horas) e a próxima semana Cazoo Baskonia. 

O mal momento do Ensino debe chegar á súa fin hoxe

A única escuadra galega na máxima categoría do baloncesto feminino estatal, Durán Maquinaria Ensino, está inmerso nunha moi negativa xeira de resultados, que o levou a perder os seus últimos catro compromisos ligueiros, incluíndo algunha especialmente dolorosa como o 82-39 fronte Estudiantes coa que fechou o ano 2022.

Lamentabelmente, Casademont Zaragoza, cuarto na táboa, non parece o rival máis propicio para levantar cabeza, aínda que o feito de ter a afección do Pazo dos Deportes ao seu carón podería marcar as diferencias nun choque programado ás 19.15 horas de hoxe.

Antonio Pernas, adestrador lucense, tamén engadiu motivos para o optimismo cando, pese a pór en valor a "importancia" do Zaragoza, destacou que as súas xogadoras "loitarán para complicarlle as cousas e optar á vitoria".

Comentarios