O Galiza-Panamá, un partido para "unir vontades", segundo o novo seleccionador nacional

A nova Irmandiña será "a mellor posíbel".
Antigo responsábel técnico de clubs como Espanyol ou o Olympiacos grego, Martínez síntese "honrado" por poder dirixir a Galiza. (Foto: RFGF)
photo_camera Antigo responsábel técnico de clubs como Espanyol ou o Olympiacos grego, Martínez síntese "honrado" por poder dirixir a Galiza. (Foto: RFGF)

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) deu resposta a unha das moitas cuestións que trouxo consigo a nova do regreso da Irmandiña: a do seleccionador nacional. 

O escollido para substituír a dupla Fran-Míchel Salgado que hai oito anos se fixo cargo do banco no último choque da selección masculina -ante Venezuela en 2016- representa un considerábel cambio de rumbo, pois se os ex futbolistas non tiñan experiencia de ningún tipo como adestradores, Diego Martínez é un dos técnicos máis contrastados da actualidade. 

Sen equipo desde decembro de 2023, a súa última aventura foi no Olympiacos grego, onde foi despedido logo de seis meses no Pireo, cando o xigante do fútbol heleno ocupaba a cuarta praza na competición doméstica, aínda que a tan só tres puntos do líder. Curiosamente, o seu sucesor, o ex preparador do Celta Carlos Carvalhal, tamén foi vítima do gatillo rápido do presidente do club, o pintoresco Evangelos Marinakis, quen tardou en destituír o portugués unicamente 11 encontros.

Co seu regreso a casa para dirixir a Irmandiña, aínda que sexa por un único partido -o que dirixirá o 31 de maio ante Panamá nunha sede aínda por determinar-, o vigués Diego Martínez Penas fecha temporalmente e aos seus 43 anos un exilio laboral que emprendeu con só 18, cando fixo as maletas para xogar nos modestos Balón de Cádiz e Portuense, da Terceira División, tal e como explicou no seu momento nunha entrevista a Nós Diario.

 "Claro que me gustaría, como galego, que nalgún momento no futuro xurdise a posibilidade de volver á miña terra, a Galiza" sinalaba un home formado nas categorías inferiores do Sevilla . 

Desde entón, logo de tornar en 2009 no adestrador máis novo da categoría, cando aínda non celebrara o seu 30 aniversario, medrou en toda a estrutura da base hisapelnse (2009-2017), desde onde deu un breve salto a Osasuna na tempada 2017/18 antes de facer historia no Granada (2018-21), a quen ascendeu a Primeira División e logo, ademais de salvalo, logrou incluso clasificar para Europa. Menos sorte tivo nun Espanyol ao que chegou tras un ano sabático e que descendeu na 2022/23 xa con Martínez despedido.

A nova Galiza de Diego Martínez

Diego Martínez non ocultou a súa "gran ledicia" por tornar no novo seleccionador galego, nin a "honra" por participar "nun partido tan especial no que gozar todos xuntos despois de moitos anos sen poder ter un encontro destas características".

Sen anticipar a súa convocatoria, o home que conduciu até competicións europeas o modesto Granada salientou que na Galiza "sempre houbo moi bos xogadores, un talento importante en grandes clubs e competicións", polo cal está "desexando gozar velos actuando xuntos e compartindo un momento moi especial con todos os galegos e galegas".

"Tratarei, con todo o equipo técnico, de configurar a mellor convocatoria posíbel, e a partir de aí pór a disposición dos futbolistas todos os recursos, experiencia e método que temos para axudarlles neste partido, que é unha boa maneira de unir vontades".

Sobre o céspede, é a pesar do carácter amigábel, a nova Irmandiña de Diego Martínez debería ser recoñecíbel pola solidez defensiva, a aposta polas contras e a táctica 4-2-3-1 que adoita usar nos seus equipos. 

Máis en DEPORTES
Comentarios