Diego Martínez: "O VAR é unha innovación positiva e necesaria, mais precisa melloras"

Diego Martínez (Vigo, 1980) non traballa na industria enerxética, mais en cada partido saca petroleo do seu Granada Club de Fútbol, conxunto que dirixe desde hai tres tempadas e ao que levou ás cotas máis altas da súa historia. Agora, coa satisfacción do deber cumprido, afronta a recta final dunha campaña que o converteu nun dos técnicos de moda.
Desde as sombras: o galego foxe do protagonismo e concede todo mérito aos seus xogadores. (Foto: Granada CF).
photo_camera Desde as sombras: o galego foxe do protagonismo e concede todo mérito aos seus xogadores. (Foto: Granada CF).

—Encara a recta final dunha tempada máxica onde o seu equipo seguiu sendo competitivo tanto na Liga como en Europa. Como conseguiu prolongar o estado de graza dun conxunto tan modesto un ano máis?

Evidentemente porque o equipo, en maiúsculas, é a nosa principal virtude. Todos os xogadores están dispostos a pór o seu talento ao servizo do colectivo, teñen unha mentalidade magnífica, con afán de mellorar e seguir medrando... esas son as chaves: valores e identidade.

—Fala de identidade, mais non resulta nada fácil etiquetalo como adestrador. O Granada sae co balón controlado desde atrás, pero tamén protagoniza saídas rápidas e en longo; defende arriba, presionando o rival, pero sen esquecer o xogo aéreo. Mesmo en ocasións dá a sensación de que se trata dun equipo da liga inglesa. Como se define vostede tacticamente e cales son os seus modelos como técnico?

O máis importante para min é que o punto de partida é de chegada sempre sexa o xogador, pois en función do tipo de futbolistas que teña sempre trato de estabelecer un idioma común que nos permita estar máis preto de gañar partidos. Alégrome de que me fagas esta pregunta, porque realmente nós somos todo o que dixeches, totalmente camaleónicos. A min o que non me gusta é pór escusas do tipo “como o partido non se formulou como a nós nos gusta, pois o rendemento decrece”. Iso nunca. Nós somos quen de cambiar de sistema en función da dispoñibilidade de xogadores que teñamos e das circunstancias que se dean no partido. 

—No marco deste fútbol moderno no que estamos instalados xurdiron nos últimos tempos varios técnicos galegos da súa xeración, como Rubén Albés (Club Deportivo Lugo) ou Rubén de la Barrera (Deportivo da Coruña), que están a tomar posicións en equipos importantes e achegando novas ideas e formas de entender este deporte. Cre que existen algunhas características en común que os poidan definir como xeración?

Para dedicarte a esta profesión hai que ter unha paixón grande polo xogo, e ese sen dúbida é un elemento común, pero logo coido que cada un é diferente nas súas vivencias e nas súas características. Persoalmente, a min non me gustan as etiquetas porque son restritivas e nunca son capaces de abranguer toda a personalidade e a identidade dun adestrador e do seu equipo. 

—A principios de tempada mantiñamos unha conversa para o suplemento Sermos Galiza na que eu puña sobre o tapete exemplos como os do Xetafe ou o Alavés para ilustrar un hipotético éxito do seu Granada en Europa, mais vostede replicaba cos descensos de Celta ou o Español. En perspetiva, está satisfeito co percorrido que fixeron na Europa League?

Si, fago un balance extraordinario. Disputamos en Europa tres previas, unha fase de grupos e tres eliminatorias, caendo eliminados en cuartos de final co Manchester United, que é un equipo de nivel Champions League. Estou moi satisfeito, e xa non só polo rendemento, senón tamén pola imaxe que deu o Granada por toda Europa: gañamos no campo do PSV, fixemos partidos magníficos fronte o Nápoles, a fase de grupos foi practicamente inmaculada, superamos unha atípica pretempada na que apenas puidemos xogar encontros amigábeis... e por iso todo o que podo dicir é marabilloso, e co máximo agradecemento aos xogadores, que foron quen de manter un nivel altísimo durante moito tempo e con tan bos resultados a pesar de tantas circunstancias adversas como pasamos, confinamento preventivo no mellor momento da tempada incluído. Calquera outro equipo podería atopar moitas escusas, e estaría no correcto, pero este Granada está salvado coa súa segunda mellor puntuación histórica, o que representa todo o traballo que fixemos. 

—Cousas da vida ou do destino, foi caer eliminado contra o  Manchester United, o mesmo equipo que impediu que en 2017 o Celta do seu Vigo natal, e no que deu os primeiros pasos no fútbol, xogase a primeira final europea da súa historia. Outra cousa que ten en común o Granada co Celta é que ambas as afeccións están en pé de guerra, xa que se senten maltratadas polas arbitraxes, e en especial polo VAR. Como é posíbel que unha ferramenta que se implantou coa intención de mellorar o fútbol non só non acabase coas polémicas arbitrais, senón que parece que dun tempo a esta parte as aumentase? E iso por non mencionar outras consecuencias directas do seu uso, como a constante paralización do xogo e a consecuente extensión dos partidos até cifras de minutos que parecían impropias do fútbol hai non tantos anos…

Eu estou de acordo co VAR. Penso que é unha innovación tecnolóxica positiva e necesaria para o futuro do xogo, fundamentalmente porque aporta máis xustiza dentro do que son xogadas obxectivas, como un fóra de xogo. Agora ben, hai que axustar e mellorar cousas, como que o árbitro que está na sala de VAR teña máis poder de decisión, porque evidentemente non pode haber tantos paróns. Logo, claro, sempre podemos discutir unha decisión por medio centímetro, pero tamén o fai o estudante que se queixa por suspender cun 4,9.

comentarios