Fútbol

Diego Martínez ponse aos mandos da Irmandiña

O adestrador vigués é o elixido para adestrar a selección galega no amigábel contra Panamá.
Antigo responsábel técnico de clubs como Espanyol ou o Olympiacos grego, Martínez síntese "honrado" por poder dirixir a Galiza. (Foto: RFGF)
photo_camera O adestrador Diego Martínez. (Foto: RFGF)

O adestrador Diego Martínez Penas (Vigo, 1980) foi o elixido pola Real Federación Galega de Fútbol para dirixir a selección nacional absoluta nesta nova etapa. O técnico vigués será o encargado de liderar o combinado galego no seu regreso a unha cita internacional ante Panamá o próximo 31 de maio tras o último encontro que Galiza xogara ante Venezuela en 2016 en Riazor.

Martínez toma así o relevo da dupla formada por Míchel Salgado e Fran González. Xogou nas categorías inferiores do RC Celta, iniciou a súa carreira profesional como adestrador no Imperio Albolote e no Arenas de Armilla antes de dar o salto ao Motril CF (2007-2009).

A súa brillante traxectoria á fronte do conxunto granadino chamou a atención do Sevilla FC, polo que se sumou á área de metodoloxía para despois pasar ao banco e adestrar o terceiro filial, o 'C', e mais o equipo da División de Honra, que levou a gañar a Copa de Campións. Posteriormente, incorporouse como axudante do corpo técnico do primeiro equipo sevillista. Outro dos seus grandes fitos no conxunto sevillista foi o ascenso do filial á Segunda División.

Tras un breve paso polo CA Osasuna, Diego Martínez desembarcou no Granada CF, onde cultivou grandes éxitos: ascenso a Primeira División, clasificación para a Europa League —caeu eliminado en cuartos de final ante o Manchester United— e unha brillante posición nas súas dúas tempadas na máxima categoría. Na Copa do Rei tamén completou grandes actuacións —semifinais e cuartos de final—.

Tras facer historia en Granada, o preparador vigués fíxose cos mandos do RCD Espanyol na campaña 2022-23, para posteriormente afrontar unha experiencia internacional no coloso do fútbol grego, o Olympiakos FC.

Desde a RFGF queren agradecer publicamente a Diego Martínez o seu "compromiso, ilusión e predisposición" para facerse cargo da selección galega. "Para nós é toda unha honra poder contar con el", sinalan, nun comunicado.

Máis en DEPORTES
Comentarios