A Crónica

O Celta golea fóra e aspira a Europa

Esta última xornada, o Celta afianzou a súa posición na clasificación. Mentres, o Lugo repite empate, desta vez na casa. En Primeira RFEF, o Racing de Ferrol golea na Malata e supera o Dépor, que perdeu en León. O Celta B ségueos de perto nunha táboa que xa non ten o Pontevedra como fechacancelas.
Iago Aspas saudando a afección celeste que acudiu ao estadio do Español, en Barcelona (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas saudando a afección celeste que acudiu ao estadio do Español, en Barcelona. (Foto: RC Celta)

O Celta golea tamén fóra de casa e continúa demostrando que pode aspirar a algo máis que a manterse na categoría. A vitoria por 1-3 diante do Español afianzou, con goles, o papel de Gabri Veiga ao carón de Aspas e abriu a conta para Carles Pérez na súa Catalunya natal.

Tamén sinalou a seguridade que teñen agora os celestes con Iván Villar. O de Aldán (O Morrazo) xa é historia no Celta ao deixar a súa portaría a cero durante 430 minutos, superando Pinto e Rubén Blanco.

En Segunda, o Lugo sumou outro empate (1-1) e continúa de fechacancelas para desesperación da afección alvibermella. Nesta xornada foi no Ángel Carro, diante do Racing de Santander, tras unha decisión arbitral polémica e na última xogada do partido. Os de Íñigo Vélez deron unha boa imaxe, aproveitando os contragolpes e defendendo de maneira organizada, mais sen concretar na portaría contraria.  

Racing, segundo

En Primeira RFEF, o Dépor foi o único equipo galego que caeu derrotado, cedendo a segunda praza ao Racing, que goleou na Malata o Raio Maxadahonda. O Celta B, pola súa parte, continúa a demostrar que quere estar pelexando polo ascenso, mentres que o Pontevedra resolveu en Pasarón o seu compromiso co Linares con solvencia.

Pola cabeza da táboa, cun Alcorcón que continúa intratábel, aínda hai marxe para aspirar a todo. Iso foi o que entenderon os xogadores de Cristobal Parralo, que gañaron por 4-1.

Xa levan dez partidos consecutivos co Racing sumando puntos e catro encontros dominando na casa. Salientar o extremo Carlos Vicente, cun dobrete e a súa implicación na maioría das accións de perigo dos ferroláns.

A xornada para o Dépor foi outro conto. A visita dos de Óscar Cano a León recreou un choque equilibrado que se saldou cun gol a favor da Cultural, obra de Tarsi, que os herculinos non foron quen de empatar. 

O filial do Celta, pola contra, resistiu as baixas e marcou o seu ritmo diante do Badaxoz con dous goles -Raúl Blanco, primeiro, e Miguel Rodríguez, despois- que souberon defender de maneira ordenada.  

Polo final da táboa, o efecto Juan Señor, no Pontevedra, continúa. O fechacancelas recibiu o sétimo clasificado, o Linares, e o xogo e o resultado final, tres a un a prol dos granates, dá folgos á afección pontevedresa. 

Comentarios