A CRÓNICA

O Celta de Carvalhal volve golear

Iago Aspas segue marcando a diferenza e leva o Celta á zona media da clasificación. O Lugo de Íñigo Vélez  salva os papeis cun empate co Alavés mentres que, na Primeira RFEF, o ascenso reúne o Dépor, o Racing e o Celta B. Juan Señor, pola súa parte, gaña os tres puntos do Pontevedra nun Pasarón esperanzado. 
Os xogadores do Raio Vallecano non puideron frear Iago Aspas (Foto: RC Celta)
photo_camera Os xogadores do Raio Vallecano non puideron frear Iago Aspas (Foto: RC Celta)

A goleada do Celta diante do Raio Vallecano (3-0) confirma a boa forma do equipo celeste. A chegada de Carlos Carvalhal mudou o panorama no xogo e nas estatísticas.

Con Iago Aspas como goleador -dous tantos marcou desta vez- e coa seguridade que presenta Iván Villar na portaría -o último gol que encaixou foi o 18 de febreiro diante da Real Sociedade- os números deixan o conxunto do portugués no posto 11. 

O Lugo, pola súa parte, estreaba técnico na súa visita ao Alavés. O empate final sen goles soubo a vitoria para Íñigo Vélez ao ter diante un equipo da zona alta, complicado na súa casa e firme candidato ao ascenso.

Unha boa táctica atrás, con cinco defensas, e as intervencións de Óscar Whalley devolveron a confianza ao equipo lucense na posibilidade de salvación. 

Pelexa polo ascenso

A Primeira RFEF tiña esta xornada varios partidos nos que os equipos galegos podían marcar a diferenza nos postos de ascenso. O Racing visitaba o Alcorcón, líder da clasificación, e horas despois o Dépor recibía o Real Madrid B en Riazor. 

Os de Parralo non fallaron e venceron nun campo difícil, ninguén o conseguira até agora, reivindicando as súas posibilidades de ollar máis alto nesta competición. O resultado final de 0-1 proba a resistencia dos verdes que conseguiron defender desde o primeiro tempo un gol de Manu Justo que lles valería os tres puntos e situarse agora terceiros con 49. 

Sabedor da desfeita do Alcorcón, o Dépor enfrontouse ao Real Madrid B, mais non puido pasar do empate. O encontro comezou ben para os herculinos, ao abrir o marcador Pepe Sánchez. Mackay contou con varias intervencións que salvaron a portería galega, mais antes de rematar a primeira parte o Real Madrid B marcaba o empate, obra de Marvel. 

Tamén na zona de ascenso, o Celta B segue sumando puntos e xa é quinto na clasificación. O resultado de 0-1, no campo da Sanse, obra de Raúl Blanco, certifica que está en condicións de optar a todo.  

Por último, o Pontevedra reaccionou cunha vitoria en Pasarón diante do Alxeciras (1-0), con gol de Abelenda, no que foi a estrea como técnico de Juan Señor. Os do Lérez defenderon o marcador que lles deu os tres puntos, quedando a cinco da permanencia.

Comentarios