A afección do CD Lugo protestará este domingo contra o presidente

A afección reta ao propietario do club, Tino Saqués, para que venda as súas accións e este anuncia que está a valorar esa posibilidade.
Tino Saqués.na presentación do novo adestrador, Joan Carrillo (Foto: CD Lugo).
photo_camera Tino Saqués.na presentación do novo adestrador, Joan Carrillo (Foto: CD Lugo).

A crise aberta no CD Lugo continúa. Á situación creada polos malos resultados deportivos sumouse a decisión por parte da directiva de cesar o seu adestrador (Fran Xusto), a dimisión do seu director deportivo (Carlos Pita) e de traspasar o seu xogador estrela (Chris Ramos).  

Diante disto, seareiras e seareiros do CD Lugo anunciaron que realizarán varios actos de protesta este domingo contra a dirección do club. A través dun comunicado, desde a Federación de grupos da afección animaron onte as persoas a non entrar no Ángel Carro até o minuto 12 no encontro que este domingo decorrera  contra o Eivissa e "unha vez dentro, corear 'Tino vaite xa' e 'O Lugo somos nós' como sinal de protesta cara á propiedade do club". 

Ademais, a Federación de grupos da afección exixe ao propietario do club, Tino Saqués, que "venda o seu paquete accionarial maioritario vista a nefasta xestión da que é único e máximo responsábel".

Porén, malia o ton do comunicado, rexeitan  calquera "acto, expresión ou comportamento de carácter violento" por este motivo. 

Saqués vendería as accións do CD Lugo

O presidente da entidade, Tino Saqués, admitiu esta quinta feira ao saber do comunicado e da petición da afección, que valora a posibilidade de vender o club. O mandatario fixo estas declaracións durante a rolda de prensa de presentación do novo adestrador do equipo, Joan Carrillo.

Porén, Saqués, ao ser preguntado pola situación, afirmou que a súa intención é, a medio prazo, vender o seu paquete de accións “en canto xurda a opción adecuada”.

Malia todo, insiste en que "non é o momento para saír do club, porque o equipo non pode quedar sen goberno" polo que asegura ter "forzas para acabar a tempada" e "deixar ao club no fútbol profesional".

Comentarios