Libasse Guéye, expedientado polo Pontevedra, pide perdón á afección

O senegalés non se incorporou após o Nadal á disciplina. Esta terza feira compareceu en rolda de prensa.
Libasse Guéye ante a prensa (Foto: CD Lugo)
photo_camera Libasse Guéye ante a prensa (Foto: CD Lugo)

A aparición esta fin de semana, en Pasarón, do senegalés do Pontevedra, Libasse Guéye, eclipsou en parte a vitoria dos granates no seu campo.  O xogador non regresou do Senegal após as vacacións de Nadal e nada sabían del no club até agora.

O senegalés, axudado por un intérprete, quixo pedir desculpas a “todos os habitantes de Pontevedra pola súa actitude.

Na súa defensa, explicou que non estaba conforme cos minutos que lle daba Antonio Fernández, daquela adestrador do Pontevedra, polo que “antes das vacacións escribín á presidenta dicíndolle que quería xogar”. 

O xogador afirmou que agora quere quedarse no club e explicou que o seu axente negociará a súa continuidade. Porén, afirmou que é consciente da súa actuación e o cambio de postura en relación ao Pontevedra tería que ver coa “afección e unha parte dos compañeiros”.

Entre estes últimos salientou a Álex González, Charles ou Rufo, ao terlle “axudado moito cando eu non estaba ben aquí”. 

Sanción económica

O Pontevedra, a través do seu director xeral, Marcos del Rio, anunciou que se lle abriu ao senegalés un expediente disciplinario. Esta medida implicará, neste caso, “unha importante sanción económica”. Del Río confirmou tamén que, mentres estea o expediente aberto, o xogador reincorporarase aos adestramentos que Juan Señor realiza en Pasarón “porque ten ficha co club”.

Comentarios