O Lugo recoñece os erros do equipo e pide apoio á afección o domingo

Miguel Loureiro, defensa do Lugo, compareceu esta terza feira para analizar a situación do equipo e asegurar que "seguirán traballando". 
Miguel Loureiro na rolda (Foto: CD Lugo)
photo_camera Miguel Loureiro na rolda (Foto: CD Lugo)

Comeza a semana no Lugo, e o equipo volve ao traballo coa meta indiscutíbel dos tres puntos en xogo e sen marxe para o erro.

Con 13 xornadas para o remate, e só 22 puntos, está a 11 dos postos de permanencia. Con estes vimbios só un equipo, o Xirona, conseguía salvarse na tempada 2011-2012.

Con este tema enriba da mesa comparecía onte en rolda de prensa no Ángel Carro o defensa alvibermello, Miguel Loureiro, para analizar a situación. O lateral de Cerceda (comarca de Ordes) que chegou este verán pasado para reforzar o cadro de xogadores, recoñeceu que o equipo lucense ten "que mellorar en moitos aspectos.

A pesar de competir, non estamos a ser capaces de puntuar e de gañar, que é o que fai falta" polo que apuntou que "necesitamos crecer en detalles, como o visto esta semana despois do gol" para, "seguir traballando". 

Apoio da afección

En opinión de Loureiro, “hai que comprometer ao rival, que non estean cómodos en ningún momento".

A chegada do adestrador, para o defensa, instou ao equipo a “querer ser máis protagonista con balón, quere crear máis e mellorar nesa liña. Hai que deixar de pensar no demais, e centrarnos na vitoria, é o que nos vai a achegar ao obxectivo". 

Loureino aproveitou a ocasión para pedir “o apoio da xente. Sei que é complicado para todos, non estamos en posición de pedir nada, pero se podemos alcanzar o obxectivo, só pode ser co seu apoio.

Chegan partidos ante rivais directos, e necesitámoslles". O cercedense asegurou que "se imos da man, teremos opcións.

Este domingo hai unha oportunidade moi boa para conseguir un primeiro paso, e desde aquí pediríalles que viñesen axudarnos". O defensa do Lugo, en nome do equipo, asegurou que van "pelexar até o final”.

Comentarios