1.800 euros de multa para o Dépor polos cánticos de "Zozulya, es un nazi"

O xuíz de competición propón unha sanción con multa económica para o clube branquiazul polo que o árbitrou cualificou de "insultos racistas".
Roman Zozulya pugnando por un balón aéreo con Pablo Martínez no partido do pasado sábado. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Roman Zozulya pugnando por un balón aéreo con Pablo Martínez no partido do pasado sábado. (Foto: RC Deportivo)

A visita do Rayo Majadahonda a Riazor do pasado sábado transcendeu alén da vitoria branquiazul cun novo gol de Lucas Pérez —que suma xa catro en tres partidos—, pois o foco da grada estivo posto, malia partir desde o banco de suplentes, no futbolista ucraíno Roman Zozulya.

Iniciada a segunda metade, o xogador comezou a quecer na banda e a afección deportivista coreou un cántico que se adoita escoitar aló por onde el pisa: "Zozulya, es un nazi". O árbitro obrigou a deter o partido no minuto 60 ante o que recolleu na acta como "insultos racistas".

"O partido detívose durante un minuto e medio e activouse o protocolo ante eventos racistas", recolle a acta

"Desde un sector da bancada no cal se atopaban espectadores que portaban símbolos do RC Deportivo, cantábase 'Zozulya, es un nazi' de forma repetida. O partido detívose durante un minuto e medio aproximadamente, no que se activou o protocolo ante eventos racistas, no que o delegado de campo fixo que se lanzase por megafonía e se mostrase nos marcadores a mensaxe de deter tales cánticos para poder continuar o partido. Durante o resto do encontro non se repetiron", expón o texto redactado polo colexiado.

Agora o xuíz disciplinario único de Primeira División RFEF vén de propor unha sanción con multa económica para o Deportivo por mor dos citados cánticos, ao abeiro do artigo 94 do Código Disciplinario.

Nomeadamente, o citado artigo di: "Os actos notorios e públicos que atenten á dignidade ou decoro deportivos serán sancionados como infracción grave e imporase a sanción, segundo determine o órgano disciplinario competente en base ás regras que se conteñen no presente Ordenamento, de multa cunha contía de 602 a 3.006 euros".

En concreto, a proposta do xuíz de competición fica na metade dese baremo: 1.804 euros de multa para o clube coruñés, que ten a intención de recorrer a devandita sanción perante a Federación.

Comentarios