Belén Toimil representará á Galiza no Campionato de Seleccións en Iruña

Corenta atletas viaxarán esta fin de semana a Nafarroa.
Belén Toimil (Foto: FGA).
photo_camera Belén Toimil (Foto: FGA).

A Federación Galega de Atletismo (FGA) comunicou esta terza feira a listaxe oficial de atletas que formarán parte da selección galega absoluta no Campionato de España de Seleccións que terá lugar 15 de xullo na capital de Nafarroa, Iruña.

Na convocatoria figuran un total de corenta atletas. Á fronte da selección estará a olímpica e plusmarquista estatal no concurso de peso, Belén Toimil. A mugardesa que, como noutras ocasións, aparcou os seus compromisos persoais para estar un ano máis defendendo os intereses da Galiza. 

De igual modo, a campioa paralímpica, Adi Iglesias, acabada de chegar dos mundiais de París, en Francia, nos que conseguía, até o momento desta crónica, un subcampionato mundial, estará competindo sobre a distancia dos 200 m.

Outra das convocadas será a internacional monfortina, e campioa de España, Saleta Fernández, que competirá en altura.

Ademais, viaxará a xavelinista, e tamén medallista estatal, Carmen Sánchez. Ambas as dúas atletas teñen moitas posibilidades de situar o combinado nacional na parte alta da clasificación por seleccións.

A maiores, viaxarán o dobre campión galego de velocidade, Javier García, que tomará parte nos 100 m, así como o recente subcampión de España Sub23 en martelo, Eric Méndez. 

As outras bazas

Desde a federación consideran tamén importante o papel que poidan achegar o resto de deportistas internacionais que entraron na convocatoria. É o caso de Mauro Triana, nos 200 m;  Jacobo Soler, nos 400 m; Hugo Vázquez, nos 110 valos; Claudia Rojo, nos 400 valos; Antía Castro, nos 3.000 m; Alba Cuns, en triplo; Blanca Pereira, en martelo; así como Carmen Escaríz e Dani Chamosa, na especialidade de marcha.

Comentarios