O mellor do atletismo galego dáse cita na cidade da Coruña

Este sábado o atletismo galego terá a súa cita anual máis importante nas pistas da UDC de Elviña na Coruña. Trátase do Campionato Absoluto ao Aire Libre ao que acudirán atletas como Adi Iglesias, Ainhoa Repáraz, Alba Cuns, Jean Marie Okutu, Victor Gallego ou Juan Manuel Morales.
Blanca Pereira participará no Absoluto de Aire Libre da Federación Galega de Atletismo (Foto: FEA/ Miguelez).
photo_camera Blanca Pereira participará no Absoluto de Aire Libre da Federación Galega de Atletismo (Foto: FEA/ Miguelez).

Hai grande expectación no mundo do atletismo pola cita que este sábado reunirá na Coruña as mellores figuras deste deporte. Após o grande éxito que tivo a pasada fin de semana a delegación galega no Campionato Sub-20 estatal realizado en Torrent (Valencia) coa obtención de 13 metais, agora toca reafirmar o seu bo momento e loitar por mellorar tempos e marcas na casa. 

Iglesias, Repáraz e Cuns, favoritas

Na categoría feminina estarán na Coruña Adi Iglesias (Lucus Caixa Rural), Ainhoa Repáraz  (SA Val Miñor) e Alba Cuns (Atletismo Negreira). A primeira, campioa paralímpica de 100 metros e subcampioa de 400 metros, participará nas probas dos 100 metros e dos 200 m. Repáraz, pola súa parte, acadou a medalla de bronce no Campionato de Europa Sub-18 co equipo de relevos estatal e correrá nas finais de 100 e 200 metros.

En 400 metros verase á coruñesa María Fernández (Universidade de León), recente bronce tamén no Sub-20 nesa distancia, que terá como gran rival a Inés Oitavén (Adas Cupa).

En 800 e 1.500 metros concorrerá  María Cedrón (Adas Cupa) que, na segunda distancia terá que competir coa Sandra Mosquera (Comesaña) que conta cun mellor tempo tamén nos 5.000 metros. Lucía Ferrer (Ximnástica), finalista no Sub-23, participará nos 100 valos xunto a Antía Martínez (Ría Ferrol) e Agata Rodríguez (Vila de Cangas). Nos 400 valos a clara favorita é Lucía Sánchez del Valle (Atlética Lucense).

Para gañar en obstáculos e marcha soan Patricie Viadel (Atletismo Santiago) e Alba Pérez (Atletismo Negreira), aínda que terán como rival a Oleksandra Kostenko (Atlética Lucense). En pértiga a mellor marca é a de Nerea Fernández (Adas Cupa) con 3.21 metros, en xavelina é María Pena (Celta) con 44.07 metros e en disco María Ezquerro (Atletismo sada) con 44.15 metros.

O triplo olla cara a Alba Cuns, recentemente convocada para o Mundial Sub-20 de Cali, en Colombia. En altura a loita estará entre Andrea Villaverde (Ximnástica) e Emma Sihuang Pérez (Atlética Lucense), esta última cunha marca de 1.70 metros. En lonxitude participará a medallista Sub-20 en heptathlon Lucía Sánchez del Valle.

No lanzamento de martelo, as olladas están na viguesa Irene Gómez (Valencia Atletismo)  após a prata no estatal Sub-23. Nesa modalidade estará tamén Blanca Pereira (Ourense Atletismo), subcampioa de España Sub-18.

Por último, no concurso de peso salientan Xiana Lago (Ría Ferrol) e Raquel Villa (Celta). Nas probas de relevos 4×100 metros estarán os equipos do Vila de Cangas, CA Narón, CA Sada, CA  Santiago, La Mochila del Deporte, Marineda Atlético, Rías Baixas, Riazor A Coruña e Gimnástica de Pontevedra. Nos relevos dos 4×400 metros sairán a Gimnástica e o CA Sada.

Participación masculina

A participación masculina está centrada en tres nomes: Jean Marie Okutu (FC Barcelona), Victor Gallego (Gimnástica) e Juan Manuel Morales (Marineda Atletico). O primeiro, plusmarquista de lonxitude e olímpico, concursará en lonxitude. Gallego, pola súa parte, lanzará en peso e disco para seguir sumando títulos galegos. No caso de Morales, tricampión mundial dos últimos mundiais de marcha máster, competirá nos  5.000 marcha.

En velocidade é favorito Adrián Pérez (FC Barcelona), cos seus 10.56, no podio poderían estar Martín Barcía (Alondras CF), Javier Cancela (CA Santiago), Sergio Rodriguez (CA A Coruña) e Pablo Tomé (CA Sada). Nos 200 metros a loita estará entre Roi Martínez (Celta), Mauro Triana (Praias Castelló) e Adrián Pérez (Tenerife Caja Canarias).

En 400 metros verase ao campión de España Sub-20, Jacobo Soler (Grupompleo Pamplona), xunto a Jorge Román Leiros (Celta). Jorge Puig (CA Santiago) nos 800 metros e Pablo Bocelo (Gimnástica) nos 1.500 metros parten como favoritos mais nesta última distancia hai que contar con Hugo García (Celta). En 5.000 metros e 3.000 obstáculos os favoritos son atletas do Lucus Caixa Rural, Esteban Iglesia e Nicolás Arrojo

En valos, na menor distancia, soa David Vicente (Praias de Castelló) e nos 400 valos Iago Núñez (Celta) asume o papel de favorito con Mauro TrianaXabier Lires (Marineda Atlético). En altura serían David García (Millaraio), Pablo Alonso (Atlético Santiago) e Diego Ares (Ourense Atletismo).

A lonxitude contará coa participación de Sergio Coello (Rías Baixas) e Jean Marie Okutu mentres que en pértega estará Tomás Vizcaino (Atletismo Sada). No triplo Diego Míguez lidera unha proba a cuxo título tamén aspiran Xoel Otero (Mazi de Vilagarcía) e Raúl Cortizo (Gimnástica).

En peso Victor Gallego buscará agrandar a súa lenda mais terá que competir nesa disciplina con Jaime Arias e Fran Gúzman en disco.

En martelo daranse cita o plusmarquista galego máster Ignacio Fernández, Yago Araujo, Carlos Revuelta e Eric Méndez. Na xavelina lidera o grupo Manuel Uriz aínda que terá diante a Jonathan Correa (Gimnástica) e Pedro Fidaku Santos (Agrupación Viguesa). 

Para rematar, participarán nos relevos 4×100 o CA Sada, CA Santiago, Marineda Atlético, Gimnástica de Pontevedra e Mochila del Deporte. En 4×400 metros competirán a Agrupación Viguesa, CA Sada, Marineda Atlético, Riazor Coruña e o  Gimnástica de Pontevedra nos 4×400 metros.

Comentarios