Eva Veiga, Francisco Asorey e as "Escolas do Insiño Galego" protagonizan o 'Sermos Galiza' número 600

Podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' nos quiosques esta fin de semana acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' que sae á venda esta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' que sae á venda esta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 6 de abril un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

Eva Veiga (Ombre, Pontedeume, 1961) acaba de ser recoñecida pola Academia Galega de Audiovisual co premio de Honra Fernando Rey polo traballo realizado nos albores da TVG. O seu foi un dos cinco primeiros rostros cos que se familiarizou a audiencia da canle pública e aínda que unha leucemia e os problemas de visión que lle provocou o tratamento a afastaron das cámaras, seguiu sempre vinculada á comunicación a través da poesía, a música ou o cine. Proba da súa mestría coa palabra foi o discurso, tan vindicativo como emotivo, que ofreceu na gala. Inesquecíbel. Unha entrevista de Montse Fajardo a Eva Veiga protagoniza esta edición do Sermos Galiza.

As "Escolas do Insiño Galego"

Hai 100 anos, en abril de 1924 botaron a andar na Coruña, animadas por Ánxel Casal (1895-1936), as "Escolas do Insiño Galego". Concibíronse como exemplo do que as Irmandades podían facer para romperen as ataduras con que o ensino oficial mantiña excluídos das aulas nesa época o idioma propio do país e numerosos aspectos do seu devir histórico, da súa realidade xeográfica e do seu específico medio natural. Emilio Xosé Insúa escribe sobre neste número a reportaxe Unha experiencia pedagóxica emblemática da Irmandades: as "Escolas do Insiño Galego".

Francisco Asorey

Día 1 das calendas de abril. Era Compostela. O pétreo Mateo manda labrar no lintel do Pórtico da Gloria esa data do ano 1188. Robusto, granítico, simbólico. Semella que todos estes adxectivos quedan adheridos á plástica escultórica galega. Neste 2024 celebramos un escultor para conmemorar o Día das Artes Galegas, fixado no día 1 de abril. Unha tradición que conta nove anos e que corre a cargo da Real Academia Galega de Belas Artes. Carmela Galego asina Francisco Asorey: O escultor da Terra.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Na canella infinita, de Juan Parcero (Galaxia, 2024); e Lotta, de Astrid Lindgren (Kalandraka Editora, 2023).

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco Aprender a bailar, de Anxo Araújo (autoeditado, 2024), e achegamos tamén outras novidades. Pola súa parte, César Morán fálanos das emocións que xera a música a través da a grandiosa Sinfonia nº 6 em lá menor de Gustav Mahler.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Dream Scenario (Kristoffer Borgli, EUA), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Manuel Xestoso achéganos a obra de teatro Go Home!, con texto de José Prieto e dirixida por Tito Asorey. O Colectivo Xea tráenos a segunda entrega de Polo Miño con Manuel María.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 6 de abril, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en SERMOS GALIZA
Comentarios