‘Sermos Galiza’ analiza o "renacer" de Rosalía de Castro

Na publicación monográfica sobre Rosalía de Castro, que verá a luz este sábado, día 19, contaremos co testemuño de Sagrario Abelleira e cos artigos de Mercedes Espiño, María Pilar García Negro, Manuel Xestoso, Anxo Angueira e Xosé Luís Axeitos.

Portada do 'SermosGaliza' de Rosalia.
photo_camera Portada do 'SermosGaliza' de Rosalia.

Este sábado encontrarás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, unha nova edición do semanario Sermos Galiza no que se analiza o novo achádego de Sagraio Abelleira acerca da verdadeira data de nacemento da nosa poeta nacional, Rosalía de Castro.

Esta nova edición do semanario ‘Sermos Galiza’ ábrese coa presentación da directora de Nós Diario, María Obelleiro. “Este achado de Abelleira permite inaugurar novas liñas de investigación que, sen dúbida, abrirán novos horizontes en canto ao coñecemento da vida e da obra de Rosalía”, apunta Obelleiro.

Cando naceu Rosalía realmente?

O ‘Sermos Galiza’ continúa cun artigo a cargo de Manuel Xestoso, nel abórdase a investigación que levou ao descubrimento da verdadeira data de nacemento de Rosalía. “O feixe de papeis agora recuperados ofrece novos datos que cuestionan algunhas afirmacións sobre Rosalía de Castro que se repiten de forma acrítica” sinala Xestoso. Ademais o artigo examina a verdade acerca de Teresa de Castro, nai da poeta. Ademais, Xestoso tamén analiza a estancia de Rosalía na cidade de Vigo.

Mercedes Espiño é a encargada de analizar como foi o decorrer da vida de Rosalía de Castro na Compostela que “ti coñeces a paseas”. “A adolescente Rosalía medra en Compostela vinculada ao edificio do exclaustrado convento de San Agostiño”, salienta Espiño.

Sobre a vida da nosa poeta nacional na cidade da Coruña afonda María Pilar García Negro. “A cidade da Coruña ten unha débeda con tan ilustre compatriota”, describe García Negro nunha interesante pesquisa do que foron aqueles tempos na vida de Rosalía.

Anxo Angueira encárgase de tratar os lugares de referencia para comprender con exactitude a obra da poeta. “Rosalía é a poeta da Terra de Iria” segundo comenta Angueira ao tempo que analiza como inflúen as terras e Padrón, o Sar ou a aldea de Lestrobe na vida e obra de Rosalía.

O Sermos deste sábado finaliza co artigo de Xosé Luís Axeitos que se encarga de tratar os aspectos máis políticos da obra de Rosalía de Castro No artigo coméntanse, entre outras cuestións a “testemuña de amizades, lecturas e influencias, mais tamén de baleiros que é preciso encher a través do estudo e a interpretación”.

Como mercar 'Sermos Galiza'

Como tes que facer para poder gozar deste número? Procura Sermos Galiza, xunto co Nós Diario, este sábado nos quiosques ou na nosa tenda en liña. Unha opción máis sinxela para que non perdas nada é facer agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios