Bernardo Atxaga e o seu exercicio poético de sinceridade protagonizan o ‘Sermos Galiza’

Entrevistamos o escritor vasco, achegámonos Á Fonsagrada ea súa foliada e achegámonos á exhumación dos restos de Francisco Miguel . Tamén falamos das últimas novidades do panorama literario, musical e cinematográfico. E moito máis!

Detalles do Sermos desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do Sermos desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae este sábado, 2 de decembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o escritor vasco Bernardo Atxaga centra a cerna do semanario.

Martin Pawley entrevista Bernardo Atxaga. Escritor Galego Universal en 2014 e Premio Nacional das Letras Españolas en 2019, Atxaga é unha figura de referencia da literatura contemporánea en diferentes formatos e rexistros, autor de libros memorábeis que van de Obabakoak e Memorias dunha vaca a Sete casas en Francia, entre outras. Visita Galiza para presentar no Culturgal Exteriores do paraíso (Kalandraka), obra que transcende etiquetas  e que mostra a súa capacidade para captar detalles reveladores da condición humana.

“Pola miña propia experiencia como lector, non creo en ningunha clase de padróns. Paréceme que actúan de forma contraria ao que exixe a literatura, os padróns actúan á contra, son factores negativos que levan ao estereotipo, ao tópico literario. Quizais de aquí en adiante saian cousas máis fragmentarias. Alí onde eu vexo o que me parece unha mina poética, vou aló e intento tirar algo desa mina”, confesa nesta conversa.

A recuperación dun artista galego da vangarda

Syra Alonso e Francisco Miguel formaron un deses tándems artísticos asociados á efervescencia cultural das vangardas do século XX. Emprenderon as viaxes da arte e voltaron á Galiza da etapa republicana habitando unha elocuente Casa da Felicidade no porto de Santa Cruz (Oleiros). Unha felicidade que quedou sepultada en setembro do 36. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica vén de realizar os traballos na fosa común dos represaliados entre os que se atopaba Francisco Miguel.

Carmela Galego nesta reportaxe condúcenos por esta recuperación dun artista galego da vangarda. “México é posiblemente o país que máis obra conserva do artista coruñés pendurada nas paredes. De alí chegou a única exposición retrospectiva que se realizou sobre el a finais dos anos noventa. Viuse a exhibición acompañada dun catálogo cunha análise certeira no estético e de calidade no documental. Foi esta unha das poucas oportunidades que tivo o público galego de ver obra de Francisco Miguel. Hoxe as nosas paredes vense espidas da súa obra”.

Para foliada, A Fonsagrada

A da Fonsagrada pasou de ser unha foliada marcada no calendario daquelas persoas pertencentes ao ámbito tradicional a ser o chamado "festival de inverno". Un festival que decorre na ponte de decembro e que conta agora con persoas seareiras doutros xéneros musicais, como poden ser as músicas urbanas.

Adrián Méndez conta como esta cita xa é unha referencia marcada a vermello nos calendarios. “Eses calendarios que probablemente estiveran pendurando en cuartos cheos de instrumentos e elementos da identidade galega (unha gaita, pandeiretas, traxes folclóricos...) habitan agora en espazos onde existen camisolas nas que pon "Muiñeira & Perreo" (como a da marca ribadense de Picarolas, quen despois dunha noite de foliada inspirouse a facelas). Aparentemente, poden ser persoas ou xéneros musicais localizados nas antípodas pero que conflúen nunha noite todas xuntas e que se achegan a través dunha fila de bailas que danzan ao compás das muiñeiras máis exemplares da bisbarra fonsagradina”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos GalizaTensi Xesteira analiza na sección de Libros as novidades do sector e Manuel Barreiro achéganos A conta atrás, “ unha banda deseñada cunha historia peculiar, que custou moito sacar adiante”. No apartado musical, Olga Brañas, Álvaro Carballo e Alexandre Sotelino achégannos propostas diferentes e cunha mirada particular.

E o experto en cinema Andrés Castro de diferentes filmes. Sole Felloza tráenos ‘recendos de inverno’ e Lázaro Armental, arquitectura urbana. En deseño, Pepe Barro tráneos o 1º Congreso da Emigración Galega. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en SERMOS GALIZA
Comentarios