Animais que curan

A presenza e compaña dos animais xera beneficios emocionais e psicolóxicos nos seres humanos que se están a empregar no tratamento de certas doenzas ou trastornos. Facemos un repaso polas máis comúns entre estas particulares terapias, que están a experimentar un aumento do uso e dos campos de aplicación, desde a interacción espontánea con cans até os múltiples efectos positivos da equitación. 

Cada vez son máis os países que aceptan e recoñecen a función e o status dos animais de apoio emocional na sociedade (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cada vez son máis os países que aceptan e recoñecen a función e o status dos animais de apoio emocional na sociedade (Foto: Nós Diario).

No hospital, a doenza é só unha parte do terríbel pesadelo que supón estar nun cuarto frío presenciando un ir e vir de persoal médico e escoitando palabras ás veces tan estrañas que semellan doutro mundo. Até que un día aparece pola porta Trasto, un labrador de cor abelá que apoia a cabeza ao carón do paciente para deixarse acariñar mentres esquece o pixama azul, as paredes brancas e os cables que lle colgan do brazo. Unha alegría, un consolo que cada vez están a recibir máis e máis persoas, especialmente a cativada, durante as súas estancias hospitalarias. Porén, a compaña e o consolo son só unha minúscula parte de todo o que fan os animais de terapia.

Este tipo de tratamentos de apoio caracterízanse por deixar que as e os pacientes interactúen con animais. Normalmente as especies máis empregadas son cans, gatos, cabalos, aves, coellos e golfiños. Porén, contra o que se poida pensar, non vale calquera, e o momento e o lugar importan.

Unha peza fundamental destas terapias, independentemente do animal co que se fagan, é o terapeuta ocupacional. Esta figura trátase dun profesional que se encarga de seleccionar ao idóneo para o paciente en cuestión, de deseñar o programa e de facer un minucioso seguimento para poder adaptalo segundo avance o tempo e así tratar de obter sempre os mellores resultados. Para iso, conta co apoio dun equipo multidisciplinar no que se atopan neurólogos, fisioterapeutas, psicólogos ou pedagogos que se encargan de potenciar todos os beneficios que achega o animal respecto á súa área de especialidade.

De antigo 

Malia obter maior recoñecemento nos últimos anos, estas terapias non son algo novo. O uso de animais no tratamento de doentes remóntase xa á antiga Grecia, onde se aconsellaba montar a cabalo para paliar e curar diversas doenzas, tanto físicas como mentais.

Xa nos tempos modernos, os primeiros datos que temos sobre estes tratamentos oficiais con participación animal son da Inglaterra de 1792 e, posteriormente, na Alemaña de 1867, cando se comezaron a utilizar cans con doentes epilépticos. Un grande avance tivo lugar na segunda guerra mundial, cando a Cruz Vermella organizou unha área de rehabilitación na cidade de Nova York. Nela, os retornados con secuelas físicas e mentais que se tiñan que someter a intensos programas terapéuticos contaban co apoio e distracción dos animais.

A grandes trazos, podemos distinguir dous tipos de terapia. A máis básica céntrase no tempo que pasa o doente en compaña do animal, co que goza e aproveita os beneficios físicos e psíquicos que fornece. A segunda forma é un auténtico programa de rehabilitación no que o paciente conta co apoio do animal e dun completo equipo médico. Estes últimos están indicados principalmente para aquelas persoas que teñen problemas psicomotores. Na súa maioría son persoas con Síndrome de Down, autismo ou parálise cerebral.

Podes ler o artigo completo no teu Sermos Galiza, que atoparás no teu quiosque, librería, gasolineira ou gran superficie xunto co Nós Diario por só 3 euros ou na nosa loja.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en SERMOS GALIZA
comentarios