Berta Dávila, as expedicións galegas á Antártida e as mulleres na Galiza Mártir protagonizan o 'Sermos Galiza'

Como cada sábado, 'Nós Diario' trae entre as súas páxinas este 9 de marzo un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas este 9 de marzo un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. A escritora Berta Dávila é a protagonista desta edición pola extensa entrevista que lle fai o xornalista Manuel Xestoso co foco posto na súa última novela, A Ferida Imaxinaria (Xerais).

Sobre ela, escribe Xestoso, "é unha das raras escritoras que van creando un mundo propio sen facer demasiado ruído, mais afondando na súa escrita con profundidade e rigor". "A relación entre ficción e realidade, os condicionantes que determinan a nosa visión do mundo e a busca dun consolo que nos redima fan parte dos temas dunha das súas obras máis complexas e conseguidas", concreta.

Expedicións galegas á Antártida

Pola súa parte, Sara Pardo realiza unha reportaxe sobre as expedicións galegas á Antártida. "Nos confíns da Terra, onde o branco etéreo abraza a inmensidade, emerxe a Antártida, un reino xeado a máis de 14.000 quilómetros de distancia da Galiza", explica a xornalista.

"Un santuario da natureza que atrae os galegos e as galegas en busca de coñecemento. Nun dos mellores laboratorios naturais do mundo, estes atópanse entre as 1.000 e 5.000 investigadoras que buscan abrigo alí cada ano, somerxidas en múltiples proxectos e pescudas científicas", acrecenta Pardo.

Mulleres na Galiza Mártir

Este número do Sermos tamén inclúe outra reportaxe sobre as mulleres na Galiza Mártir, de Patricia Arias Chachero. En 1938 publicouse Galicia mártir. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas. "Un libro en prosa moi ben documentado que, como fixera antes o álbum de debuxos Galicia mártir, de Castelao, denuncia sen panos quentes o sufrimento do pobo galego nos quince primeiros meses de guerra. Nas páxinas deste singular volume conmove a narración da violencia aturada polas mulleres", afirma Arias Chachero.

Literatura, música, cinema... e máis!

No apartado musical, Belém Tajes analiza os 10 anos de traxectoria de MJ Pérez, así como o seu último traballo Barco á Deriva. Pola súa parte, César Morán rememora Ítaca, o disco do catalán Lluís Llach editado en 1975. O experto en cinema Andrés Castro debulla o documental Emoción, vida e teatro – A nave das marías (Galiza), de Cris Andina e Saamira Ganay. Ademais, Tensi Xesteira fálanos do libro Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas, de Fran Fernández Davila, mentres que Susana Sanches Arins faino de E que vai ser?, de Adelaida Vidal. No apartado de escena, Manuel Xestoso realiza unha crítica da obra O dragón de Ouro interpretada pola compañía Sarabela.

Esta edición do Sermos Galiza tamén trae unha entrega da sección Andar e Ver, onde o Colectivo Xea nos achega unha viaxe polo Miño con Manuel María. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 1 de marzo, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en SERMOS GALIZA
Comentarios