A xuntanza entre Rueda e Sánchez remata co compromiso de financiamento da fábrica de Altri en Palas de Rei

É a primeira reunión entre ambos presidentes desde que Rueda ocupa o cargo.
Pedro Sánchez e Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, mantiveron no día de hoxe a súa primeira reunión desde que o primeiro asumise a Presidencia do Executivo galego o pasado mes de maio.

Rueda cualificou de "cordial" o encontro, que durou unha hora e media, e que se centrou principalmente en cuestións económicas vencelladas cos fondos Next Generation e con propostas industriais como a da fábrica de Altri en Palas de Rei.

Precisamente, Pedro Sánchez manifestou as "boas perspectivas" deste proxecto, que suporá un investimento de 700 millóns de euros e do que hai "unha probabilidade moi alta de que sexa financiado".

En canto á situación de Stellantis, que quedara fóra do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) de automoción, o presidente galego matizou que agora a situación podería cambiar a favor da súa inclusión.

Axudas polos incendios

O presidente da Xunta demandou ao seu homólogo español que se estabelezan convocatorias de axudas pola vaga de incendios que sufre a Galiza desde hai dúas semanas, independentemente de que se declare a zona catastrófica nos concellos afectados.

Tanto Sánchez como Rueda coincidiron en sinalar que os lumes e a súas consecuencias non deben formar parte do debate político.

Neste sentido, o presidente galego criticou que unhas declaracións da ministra de Defensa, Margarita Robles, nas que achacou a presenza da Unidade Militar de Emerxencia (UME) nalgunhas autonomías afectadas polos incendios co feito de que estas non fixeron "os deberes" en materia de prevención.

Competencia de costas

Un dos puntos nos que máis discrepancia houbo durante a xuntanza foi a transferencia da competencia de costas que a Xunta leva a demandar nas últimas semanas e que Rueda levou á reunión con Sánchez.

Mentres o dirixente galego asegurou que recibiu un "non categórico" por parte de Pedro Sánchez á transferencia destas competencias, o Executivo estatal matiza que esta non se pode levar a cabo até que se produza unha reforma do Estatuto galego que permita levar a cabo a transferencia con seguridade xurídica.

Outras cuestións tratadas

En canto á cuestión da chegada do AVE ao resto de cidades galegas, que estaba previsto para este mes, Xunta e Goberno español constituirán unha mesa de seguimento sobre a evolución do contrato estatal coa empresa Talgo, encargada de levar a cabo a operación.

En materia de lingua, Rueda volveu defender o seu modelo de "bilingüismo cordial", mais non precisou se, no mesmo caso que a Generalitat e o catalán, demandará que o galego se converta en lingua oficial na Unión Europea (UE).

Comentarios