Parlamento

O PP impide a comparecencia no Parlamento do conselleiro do Medio Rural polos incendios forestais

A bancada popular rexeita a solicitude do BNG alegando que agora a "prioridade" é a extinción do fogo e que comparecerá unha vez rematada a tempada de alto risco de incendios, isto é, entre setembro e outubro.
Folgoso do Courel é un dos concellos máis afectados polas chamas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Folgoso do Courel foi un dos concellos máis afectados polas chamas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O PP rexeitou esta quinta feira a solicitude do BNG para que comparecese na Cámara o conselleiro do Medio Rural, José González, até que remate a época de alto risco de incendios —oficialmente ata o 30 de setembro, ampliábel a outubro—, alegando que agora a "prioridade" é a extinción dos fogos forestais.

Así, a vicepresidenta da Cámara e portavoz no debate, Elena Candia, defendeu que o titular deste departamento comparecerá máis adiante: "Todos os medios teñen que estar a se ocupar do urxente e o importante".

Aliás, a deputada popular referiuse ás axudas anunciadas pola Xunta da Galiza para a rehabilitación das vivendas e, como fixo o propio titular do Executivo, Alfonso Rueda, pediu a colaboración das administracións locais para que se tramiten con axilidade. Tamén manifestou a necesidade de alcanzar un "pacto autonómico" no país contra os incendios forestais.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a encargada de expor a solicitude formulada na Deputación Permanente —o órgano que substitúe o pleno en períodos non hábiles— e, en contraposición á negativa, defendeu que o conselleiro ten a "responsabilidade de render contas" ante o Parlamento da Galiza, máis aló de que estea "ben" que vaia a visitar concellos.

Pontón advertiu do "desastre" económico, social, ambiental e, ao mesmo tempo, sentimental que supuxeron os incendios aínda sen apagar completamente no Courel e Valdeorras. "O Parlamento non pode estar de vacacións mentres a Galiza arde", salientou.

BNG e PSdeG urxen a comparecencia de José González

O PSdeG, pola súa parte, deu o voto a favor da comparecencia do titular de Medio Rural. A través da súa deputada Carmen Rodríguez Dacosta expresouse en termos similares a respecto da situación ambiental.

Tamén se preguntou "onde" estaba a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a quen tamén pediu explicacións polo "desastre" ambiental, especialmente no parque natural do Invernadeiro, titularidade da Xunta desde 1974.

Comentarios