A Xunta insiste nunha excepción para que Altri encaixe nos fondos europeos

O Goberno galego suxire ao estatal definir un plan singular á marxe dos Perte para garantir a construción da planta de viscosa en Palas de Rei.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, no seu despacho. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta, no seu despacho. (Foto: David Cabezón)

O proxecto que a firma lusa Altri ten para levantar unha planta de fibras téxtiles en Palas de Rei segue sen ter o financiamento garantido e a Xunta trata de salvar un dos seus proxectos estela após o fechamento de industrias como Alu Ibérica, Siemens-Gamesa ou Vestas, ou a parada da produción en Alcoa, que destruíron centos de empregos industriais na Galiza.

Para que o proxecto prospere, alén de cumprir cos requirimentos ambientais e demais autorizacións preceptivas, precisa garantir o seu financiamento, para o que depende en gran medida dos fondos procedentes da Unión Europea, en concreto máis de 250 millóns de euros.

Desde a Xunta, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde, evitou xa en máis de unha ocasión sinalar se a falta de financiamento suporía a renuncia de Altri a construír a planta de viscosa, pero os movementos do Executivo galego semellan apuntar nesa dirección, pois tanto o departamento de Economía como o de Presidencia están a tratar de convencer o Goberno español para que faga unha excepción con este proxecto. 

O argumento da circularidade

En concreto, os equipos de Alfonso Rueda e Francisco Conde trasladaron ao Ministerio de Economía, dirixido pola galega Nadia Calviño, a necesidade desa excepción para que Altri poida acceder aos fondos Next Generation, pois na actualidade non encaixa con ningún dos Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte), dirixidos a sectores como o naval, a automoción, a agricultura ou a enerxía, entre outros.

Neste senso, desde a Xunta defenden que o proxecto si cumpre cun dos eixos do plan de recuperación de Bruxelas, como é o de promover a circularidade e o aproveitamento dos recursos naturais, aínda que neste caso o recursos sexan, por unha parte o eucalipto, unha especie foránea que vería incrementada a súa extensión na Galiza no caso de prosperar os plans de Altri, e por outra a auga, recurso que a pasteira obtería do Ulla, río que desemboca na ría de Arousa, a máis produtiva en marisqueo e que se podería ver aínda máis ameazada no caso de que a planta se instalase finalmente en Palas de Rei. 

Proxecto singular

A excepción que propón a Xunta da Galiza para a fábrica de viscosa de Altri en Palas de Rei non iría na liña das reclamacións de Euskadi e Catalunya, que exixían xestionar como país os fondos, senón que segue o exemplo valenciano.

Alí, varias empresas e centros de investigación promoveron un proxecto singular para fomentar a investigación e a innovación arredor da auga, co gallo de mellorar a xestión do recurso. 

Porén, o de Altri non deixa de ser un proxecto que responde aos intereses dunha firma privada e non tanto un plan sectorial para mellorar a xestión sostíbel dos bosques galegos ou a posta en valor da captura que fan de CO2, outros eixos que o Goberno galego pretendería incluír nese plan especial e que si poderían encaixar na estratexia de circularidade que promove a Comisión Europea.

Comentarios