Galiza é a única nacionalidade histórica sen competencias propias en materia de tráfico

Núñez Feixoo: 13 anos, cero competencias

O marco competencial da Galiza está á cola das denominadas nacionalidades históricas. Unha vez superada a avalancha de transferencias dos primeiros anos do réxime autonómico e da segunda metade dos 90, o proceso ficou paralizado. Feixoo, nos seus 13 anos na Xunta, non conseguiu ningunha nova competencia.

Axentes da Policía Autonómica, un corpo carente das competencias que teñen os Mossos en Catalunya ou a Ertzaintza en Euskadi (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Axentes da Policía Autonómica, un corpo carente das competencias que teñen os Mossos en Catalunya ou a Ertzaintza en Euskadi (Foto: Xunta da Galiza).

O groso das competencias actualmente xestionados pola Xunta transferíronse nos primeiros anos do réxime autonómico. Malia que con anterioridade á aprobación do Estatuto de 1981 cedéronse á Galiza atribucións en materia de turismo, urbanismo ou transporte, foi unha vez aprobado o texto estatutario cando o Estado levou adiante o maior número de transferencias.

Así, en 1982 cedéronse un total de 20 competencias, en áreas de relevo como o ensino, a pesca, a agricultura, o comercio ou as estradas interiores, xerando importantes déficits no financiamento dos servizos recibidos.

A Galiza recibiu 44% das súas competencias actuais entre 1982 e 1985. Nese período formalizáronse 68 traspasos. Á volta de 1987, o Estado cedeu a Formación Profesional e as Universidades, completando a xestión educativa, concretándose en 1990 as transferencias en materia sanitaria. Precisamente, nese exercicio, o naquela altura ministro de Administracións Públicas e futuro candidato socialista á Presidencia do Goberno español, Joaquín Almunia, entregou á Galiza as funcións desenvoltas polo Instituto Nacional de Saúde.

A avalancha dos 90

A segunda metade dos anos 90 foi escenario doutra avalancha de transferencias. A ausencia de maiorías absolutas no Goberno do Estado e a necesidade do apoio de forzas nacionalistas obrigou, primeiro ao socialista Felipe González e posteriormente ao popular José María Aznar, a ceder un importante paquete de competencias ás autonomías.

Neste contexto, a Galiza recibiu entre 1994 e 1999 transferencias en 46 áreas de xestión gobernamental así como novas atribucións en materia fiscal, sen dúbida algunha, a día de hoxe, unha das materias onde resulta máis evidente o alto grao de centralización do Estado español.

As últimas cesións de competencias fixéronse efectivas en 2008. Após unha primeira metade do novo século sen transferencias, marcada pola ofensiva centralizadora de José María Aznar, a correlación de forzas e a necesidade dos apoios parlamentarios do BNG obrigou o presidente español José Luis Rodríguez Zapatero a acordar coa Xunta traspasos en diversas materias. Así, Zapatero e o naquela altura vicepresidente galego, o nacionalista Anxo Quintana, pactaron a cesión de nove competencias, deixando para a seguinte anualidade a transferencia do salvamento marítimo.

Pola súa parte, o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non negociou o traspaso de ningunha competencia nos seus 13 anos á fronte do Goberno galego. Mesmo prescindiu de continuar a tramitación daquelas acordadas en 2008 pola Xunta e o Goberno estatal referidas a Inspección de Traballo, á titularidade patrimonial dos bens da Tesourería da Seguridade Social ou aos centros de investigación do Estado con sede na Galiza. Nesa liña, explícase o desigual desenvolvemento do marco competencial galego respecto ao catalán e vasco.

Sen policía propia

A Galiza continúa sen policía propia, malia que Estatuto de Autonomía de 1981 fixa no seu artigo 27.25 como competencia exclusiva da Galiza “a creación dunha Policía Autónoma de acordo co que dispón a Lei Orgánica prevista no artigo 149 1.29 da Constitución”. Mentres Catalunya conta cos Mossos d'Esquadra, Euskadi coa Ertzaintza, Nafarroa coa Policía Foral, Canarias coa Guanchancha ou Madrid coas Brigadas Especiais da Seguridade; a Galiza só dispón dunha unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma galega.

Aliás, a xestión das prisións mantense na Galiza en mans da autoridade estatal. Pola súa parte, primeiro Catalunya e despois Euskadi, dirixen o seu sistema penitenciario, introducindo mudanzas progresistas en relación co modelo español.

En canto á transferencia das autoestradas, nomeadamente a da AP-9, segue paralizada mesmo cun acordo unánime nese sentido do Parlamento da Galiza. A negativa do Goberno do Estado a facer efectiva esta resolución choca co traspaso a Euskadi das autoestradas AP-1 e AP-8 e a Catalunya doutros viarios de pago.

Ademais, o Estado tamén deixou en mans dos Executivos catalán e vasco a xestión de diversos servizos dos camiños de ferro, significándose nun é noutro caso as proximidades ferroviarias. Precisamente, o modelo catalán de tren de proximidade pasa por ser un modelo para o conxunto do Estado, carecendo a Galiza de ningún servizo destas características.

A Galiza é a única nacionalidade histórica sen competencias en materia de tráfico. A diferenza de Euskadi e Catalunya, que dirixen desde hai décadas a seguridade viaria e a circulación, no país a súa xestión recae no Estado. O PP apoiou esta reclamación en repetidas ocasións desde 2008, porén, deixou de defendela en xuño de 2021, por presións de Jusapol, o sindicato ultra da Garda Civil e da Policía Nacional.

Xestión económica

Catalunya e Euskadi dispoñen de competencias plenas en materia de mercados de valores, o que lles permite decidir sobre operacións na bolsa que afecten o seu ámbito territorial e garantir a autonomía plena para as bolsas de Barcelona e Bilbo.

Por outra parte, a negativa da Xunta a desenvolver as competencias económicas fixadas no Estatuto, na liña das outras dúas nacionalidades históricas, priva o país da xestión do réxime económico da Seguridade Social, ao contrario do que acontece en Euskadi co Ingreso Mínimo Vital, así como en Catalunya, ou de nomear representantes do Goberno galego nas empresas públicas con presenza no país.

Comentarios