Alfonso Rueda e Pedro Sánchez reuniranse en xullo

O delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, informou sobre esta inminente xuntanza entre presidentes.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha imaxe de arquivo (Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recibirá ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, este mes de xullo.

Así o avanzou o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, nunha entrevista na Cadena Ser. Miñóns asegurou que Sánchez xa lle trasladou que ao longo deste mes de xullo terá lugar esa reunión co titular do Goberno galego.

Así mesmo, o delegado do Goberno manifestou que o presidente da Xunta debe entender a actual axenda do presidente do Goberno. Neste sentido, argumentou que se acaba de vivir "unha semana histórica" en España coa cimeira da OTAN, "que tivo a súa preparación", e "Sánchez mantivo encontros as semanas anteriores por Europa".

"Creo que o presidente da Xunta entende e víveo en primeira persoa porque non puido facer esas reunións que ten demandadas por parte de moitos concellos e que necesitan de tempo. Neste mes de xullo comunicaranlle a data e terá esa reunión", puntualizou Miñóns.

Sobre esta reunión, o delegado do Goberno dixo que espera que Rueda leve "temas serios" e que "implican e favorecen á Galiza". Neste sentido, lamentou que na reunión que o presidente galego mantivo coa vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, "non houbo ningún tipo de reclamación máis aló de catro proxectos que xa están incluídos nos plans estratéxicos".

Pide “rigor” coa A-6

Por outra banda, Miñóns tamén foi cuestionado nesta entrevista sobre a situación do viaduto da A-6 que se derrubou o pasado mes de xuño no Castro, en Vega de Valcarce.

A este respecto, o delegado do Goberno puxo en valor que o Goberno puxese encima da mesa soluciones como "reducir á metade o tránsito pola N-VI ao pasar de 11 quilómetros a só catro por Pedrafita".

Ademais, destacou que estudan unha proposta alternativa para os transportes especiais e que poidan utilizar o túnel para evitar o paso por Pedrafita.

Nesta mesma liña, sinalou que "todas as administracións saben a dificultade do que supón o que ocorreu na A-6" e apuntou a que "a propia Xunta sábeo ben", xa que "ten unha estrada fechada no Courel". "Pido rigor e achegar en positivo para unir canto antes a meseta coa Galiza pola A-6", demandou.

Comentarios