O Executivo español anuncia unha suba de 24% no financiamento autonómico

O Executivo estatal comunicou esta cuarta feira ás autonomías a cantidade total que percibirán no marco do financiamento territorial, cun aumento de 24%. A Galiza percibirá unha suba similar na súa asignación. Factores para o cálculo do reparto como o avellentamento e a dispersión poboacional están no albo do debate na Galiza.
O Ministerio de Facenda, liderado por María Jesús Montero. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O Ministerio de Facenda, liderado por María Jesús Montero, deu a coñecer esta terza feira a contía do financiamento autonómico. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A ministra de Facenda e Función Pública do Estado español, María Jesús Montero, comunicou aos Executivos territoriais, no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que recibirán 134.336 millóns de euros do sistema de financiamento en 2023, 26.130 millóns máis que o ano anterior, o que representa unha suba de 24%. 

Este incremento explícase porque as entregas a conta soben 11%, até os 124.292 millóns, e as liquidacións positivas de 2021 alcanzan os 10.981 millóns. Montero afirmou que o dato positivo das liquidacións débese ás "previsións prudentes do Goberno" e ás medidas adoptadas "para reforzar o emprego e o crecemento económico".

Ademais, a ministra lembrou que, incluíndo os datos de 2023, as Administracións territoriais "terán recibido en cinco anos de Goberno de Pedro Sánchez 178.750 millóns máis que nos últimos cinco anos completos do Goberno de Mariano Raxoi", o que segundo Montero significa "un incremento de 40% no financiamento das autonomías".

Pola súa parte, a Galiza recibirá en 2023 un total de máis de 9.400 millóns do sistema de financiamento, 24% máis que este ano, dos cales uns 8.788 millóns correspóndense ás entregas a conta durante o exercicio que vén, 9% máis, dous puntos porcentuais menos que o Estado, así como case 700 millóns pola liquidación do sistema de financiamento do ano 2021.

Déficit permitido

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, valorou o déficit permitido para 2023, que o Executivo estatal subiu de 0,1% a 0,3% do PIB, como un "mecanismo de flexibilidade para facer frente a posíbeis complicacións" como as "axudas que haxa que desenvolver para familias que sufran máis a suba dos prezos".

Varios Executivos territoriais gobernados polo PSOE expuxeron a Facenda no CPFF a necesidade dun mecanismo de financiamento para as autonomías, parecido ao fondo Covid que dispuxo nos anos 2020 e 2021, para poder facer fronte á crise inflacionista.

Debate do financiamento

O sistema de financiamento condiciona de forma decisiva o nivel de autogoberno da Galiza e a súa capacidade para definir as súas políticas económicas.

María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, ten sinalado a Nós Diario que a proposta do Goberno do Estado “é continuadora coa que no ano 2017 fixera a comisión de expertos, con algunha modificación” e defende que “o novo modelo precisa gañar en suficiencia, equidade, transparencia e simplicidade". A Galiza "debe puxar sobre todo porque se cumpran as dúas primeiras, é dicir, gañar en suficiencia e en equidade”, explica a profesora.

Xosé Díaz, economista e autor do volume sobre financiamento publicado por Sermos Galiza As contas que nos contan, ten defendido neste xornal un sistema de concerto "polo que a Galiza dispuxese dunha axencia tributaria propia que recade todos os tributos que implica o sistema fiscal español, con capacidade de lexislación sobre eles, de maneira que todas as fontes de riqueza e patrimonio que se produzan na Galiza, por persoas físicas ou xurídicas, sexan galegas ou non, tributen relixiosamente neste país onde os obteñen”. 

Díaz, ademais, tomando como referencia a liquidación dos orzamentos de 2019, certificou un saldo neto negativo para a Galiza nas súas relacións co Estado de 4.500 millóns de euros. "O Estado recada en impostos en 2019 na Galiza un mínimo de 13.212 millóns de euros mais só reintegra 8.650 millóns”, afirmou.

O Executivo español apostou a comezos de ano por un novo modelo de financiamento que deixaría os servizos públicos galegos en peor posición, pois o modelo de reparto en base ao criterio da poboación defendido  non ten en conta cuestións como o avellentamento e a dispersión poboacional, especialmente decisivas para a Galiza.

O líder do Partido Popular no Estado español, Alberto Núñez Feixoo, no marco da campaña electoral andaluza, defendeu que o financiamento autonómico debe "ser proporcional á poboación" de cada territorio. 

Unha postura que contrasta coa que mantiña como presidente da Galiza, cando defendía que había máis criterios a ter en conta, como o avellentamento ou a dispersión poboacional.

Comentarios