Rueda agradece o apoio dos baróns do PP e pide unha candidatura "de unidade"

O vicepresidente primeiro da Xunta recibiu esta semana o apoio explícito dos líderes populares da Coruña, Lugo e Ourense, mais desbota confirmar a súa candidatura porque o congreso extraordinario aínda non foi convocado.
Comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)
photo_camera Comparecencia do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón)

O vicepresidente primeiro da Xunta e líder provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, agradeceu esta quinta feira todos os apoios recibidos para tomar as rendas do Goberno galego e do PPdeG en substitución de Alberto Núñez Feixoo, que lle deixará paso tras porse á fronte do PP estatal, malia que aínda debe dimitir como presidente galego.

En declaracións aos medios nun acto decorrido en Arzúa e xa co resto de presidentes provinciais situados a favor de que sexa o sucesor institucional de Feixoo e de que encabece, ao mesmo tempo, unha "candidatura de unidade" para o congreso extraordinario de maio, Rueda limitouse a dar as grazas polo respaldo.

"O primeiro", dixo, é "agradecer" o seu apoio aos baróns provinciais, mais tamén a outros cargos e militantes da formación que, precisou, lle mostraron o seu apoio en público e en privado. Máis aló, seguindo o estilo de Feixoo e en aras de respectar "prazos e formas", evitou confirmar se concorrerá ao conclave da sucesión, aínda que si admitiu que lle gustaría que houbese unha lista consensuada e que a "unidade" primase en todo o proceso.

A "unidade" quedou plasmada na pasada xornada unha vez que o presidente provincial coruñés, Diego Calvo, manifestou que Rueda era a persoa "idónea" para suceder Feixoo tanto no ámbito institucional como no orgánico. Horas antes pronunciouse a lucense Elena Candia, e xa no día anterior foi o ourensán Manuel Baltar o primeiro en situarse á beira de Rueda.

Nesta conxuntura, no PPdeG non hai dúbidas de que Rueda encabezará unha lista unitaria no congreso extraordinario que a Xunta Directiva do PPdeG, convocada para a vindeira segunda feira, día 18, nun hotel compostelán, procederá a convocar de inmediato coa vista posta previsibelmente na última fin de semana de maio, para que non choque co conclave madrileño.

Unha sucesión "ordenada e planificada"

Tras os agradecementos e un día despois de que Feixoo confirmase, ademais, que a remuda na Xunta sucederá antes que o congreso, Rueda destacou que os populares "cumpren" o calendario comprometido e están a articular a sucesión de forma "ordenada e planificada". O vicepresidente primeiro definiu como "unha magnífica noticia" que a Xunta Directiva vaia convocar xa un congreso para "dar voz aos militantes" no proceso de renovación que debe acometer o partido ante a marcha de Feixoo. "É unha moi boa noticia na que estabamos todos nos últimos días", subliñou.

"O camiño que estamos a facer é o camiño adecuado e a segunda feira será un día importante coa convocatoria do congreso. O que dixo Feixoo estamos a cumprilo", defendeu, antes de evitar dar por feito calquera paso co argumento de que o conclave aínda non foi convocado. Cando for, matizou que se abrirá o prazo para presentar candidaturas e calquera que reúna os avais poderá facelo. "Intento ser moi respectuoso cos prazos e as formas, e vouno seguir facendo", anticipou, para insistir en que, máis aló de ver a "todos moi satisfeitos" por "como se están facendo as cousas até o de agora", el atópase "moi honrado desde o punto de vista persoal" polos apoios recibidos.

A pesar da súa prudencia, si recoñeceu que lle gustaría que "a candidatura que se produza sexa unha candidatura de unidade". Non en balde, esgrimiu que o PPdeG viviu "un liderado moi forte", o de Feixoo, que deu "magníficos resultados, con catro maiorías absolutas". "Entón, espero que o partido e o Goberno sigan nesa liña", dixo.

"Sería unha magnífica noticia que a unidade que estamos a mostrar até o de agora se manteña en todo este proceso que se convoque na segunda feira e, por suposto, nos meses que veñan no Goberno e no partido", salientou.

"En maio, todos nos seus postos"

Preguntado a respecto de cando dimitirá Feixoo na Xunta, Rueda defendeu que no mes de maio se resolverán os procesos no Executivo galego e no propio partido. "En maio, todos nos seus postos", dixo, antes de suxerir que, en consecuencia, terá que dar o paso en breve. Á espera de que suceda, o día 18, xusto cando está citada a Xunta Directiva para convocar o congreso, cumpriranse 13 anos desde a súa primeira toma de posesión como vicepresidente galego.

Sobre os posíbeis cambios no Goberno ou como conformará os seus equipos tamén no partido, replicou que é "moi cedo para falar". Subliñou que a prioridade é gobernar e que hai "un Goberno que está a funcionar", do que el é o vicepresidente primeiro. Así, o que garantiu é que se fará "de forma planificada e ordenada".

Comentarios