Parlamento

PP e PSdeG votan en contra de restaurar a letra fidedigna do Himno galego

O voto en contra do PP e do PSdeG provocou que a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura para restaurar o texto fidedigno do Himno da Galiza asinada por perto de 16.000 persoas non saíse adiante. Só o BNG decidiu apoiar a iniciativa.

Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).

A iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura para restaurar o texto fidedigno do Himno da Galiza chegou esta terza feira ao Parlamento para debater a súa toma en consideración por parte dos tres grupos representados na Cámara —PP, BNG e PSOE—. A sesión plenaria desta mañá comezou, precisamente, con este punto, e o encargado de defender a proposición non de lei da ILP foi Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e máximo especialista e investigador do himno nacional da Galiza e da obra de Eduardo Pondal. Con todo, PP e PSdeG vetaron que saíse adiante esta iniciativa ao votar en contra da ILP asinada por perto de 16.000 persoas.

Vía Galega considérao "un desprezo absoluto"

Ante isto, o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, valorou con contundencia que a posición do PP e do PSOE “é un desprezo absoluto aos preto de 16.000 galegos e galegas que avalaron esta iniciativa e unha completa desconsideración á investigación que se levou a cabo para constatar que a letra do himno está deturpada”.

Louzao tamén cre que a negativa de populares e socialistas "unicamente se pode entender por un desprezo aos nosos símbolos", e rexeita a xustificación de constituír unha ponencia no Parlamento. "Isto podíase facer tomando a ILP en consideración e mesmo pedir todos os informes que se viran necesarios", dixo, se ben considera tamén "cínico, inxustificábel e inaceptábel" que, estando presentado este tema desde o ano 1996, hai 27 anos, "agora veñan con que votan en contra porque necesitan máis informes".

A defensa da ILP

Ferreiro comezou a súa intervención no hemiciclo contextualizando a historia do himno galego, "nun momento no que estaban a consolidarse as diversas nacionalidades europeas, con ou sen estado", e os pobos comezaban a crear cadanseus símbolos nacionais, "entre eles o himno", salientou. E de entre todas as propostas xurdidas na Galiza entre o último cuarto do século XIX e o primeiro do XX, foi a de Pondal e Pascual Veiga a "triunfante"

"O 5 de abril de 1890 Pondal envíalle [a Pascual Veiga] un poema de sete estrofas que resulta satisfactorio para o músico, mais en carta de dous días despois, o 7 de abril, solicítalle que introduza acento rítmico sistemático na 2ª sílaba de todos os versos. Unha semana despois Pondal envía o texto definitivo, con nove estrofas, do poema que hoxe coñecemos como Os Pinos, que, agora si, comprace ao músico mindoniense", relatou o catedrático, que proseguiu destacando os principais fitos para a súa oficialización: adoptado polo Centro Galego en 1908, recollido como "himno nacional" nos principios políticos do Partido Galeguista e en 1984, após a censura da ditadura franquista, recuperado polo Parlamento.

Intervención de Manuel Ferreiro desde a tribuna do Parlamento. (Foto: Arxina)
Intervención de Manuel Ferreiro desde a tribuna do Parlamento. (Foto: Arxina)

E neste punto Ferreiro subliñou que a edición "canónica" do poema pondaliano é a que en 1890 entregou a Veiga. Porén, dixo, "a difusión real do texto do himno produciuse en Cuba, na revista Galicia, onde foi publicado en dúas ocasións, inzado de todo tipo de erros de impresión e/ou interpretación que desgrazadamente chegan a hoxe. De aquí, da Habana, retornou ao noso país en 1909 a través do libro Apuntes para la historia del Centro Gallego de La Habana de 1879 á 1909 alí publicado, e pasou á revista Vida Gallega de Vigo".

"O terceiro elo desta cadea textual é a publicación do texto pondaliano á morte do poeta no Boletín de la Real Academia Gallega (1917), que recolle a versión difundida a partir de Cuba polo citado libro Apuntes e pola revista Vida Gallega. E, finalmente, o último elemento da transmisión é o paso deste texto á compilación da lírica pondaliana que a Academia Galega realiza no centenario do poeta, en 1935, cando publica o que daquela se consideraba a súa obra completa: Queixumes dos pinos (2ª edición) e Poesías inéditas de Eduardo Pondal", salientou, precisando que, "con case total certeza", foi desta edición de 1935 que a Lei de Símbolos tirou o texto pondaliano, "inevitabelmente contaminado dos erros que historicamente foron transmitidos por mor das grallas ou erratas iniciais dos seus difusores na revista Galicia da Habana".

De todos os puntos de vista, incidiu, "a versión certa do himno é a que esta ILP presenta, adaptado, claro está, á grafía moderna vixente. As probas son indiscutíbeis, e o texto presentado é o verdadeiro texto de Eduardo Pondal, sen esa acumulación de anomalías lingüístico-textuais contraditorias coa escrita pondaliana", defendeu Ferreiro, que agradeceu a "honra" de presentar na Cámara esta ILP que recolleu máis de 16.000 sinaturas.

"Non é só un dereito, é tamén un deber cívico de todos nós e mais de todos vostedes, dos parlamentarios e parlamentarias, é un deber superlativo estarmos atentos ao avance do coñecemento, á posibilidade de restauración do texto certo do himno, para confirmar a súa integridade e asegurar a súa difusión real a partir das institucións que nos representan a todos os galegos, tal como esta ILP propón. Temos un himno procedente dunha peza literaria escrita por un dos pais da patria, por un dos alicerces da nosa literatura contemporánea, Eduardo Pondal. É certo, o himno puido ser outro; mesmo, se cadra, se fose difundido desde o interior do país, non presentaría os problemas derivados da súa impresión nas rotativas cubanas. Mais este é o “noso” himno, un símbolo que non é de ninguén porque é de todos, un himno pacífico e pacifista, o inicio dun poema que comeza cunha pregunta, un texto democrático cunha chamada cívico-patriótica como corresponde a calquera himno.", engadiu.

A votación

Após a defensa da ILP por parte de Ferreiro, foi quenda de representantes dos tres grupos parlamentarios de expor as súas opinións a respecto do propio texto da ILP para despois proceder a votar se o Parlamento a toma en consideración para un posterior debate e posíbel aprobación.

Comezou o PSdeG, da man de Noa Díaz que agradeceu a Ferreiro polo seu “inxente traballo” no estudo da figura de Pondal e do himno nacional galego. A deputada socialista manifestou, ademais, que esta ILP chega nun bo momento “de reforzo das identidades”, a pesar de decidir non apoiala. Díaz lembrou as anteriores iniciativas de restauración da letra verdadeira do himno que non tiveron éxito e chamou a ter en conta que se debe tramitar como un proxecto de lei para que se abra un proceso de escoita e introdución de emendas.

“É unha decisión que debe ter o consenso de todo o pobo galego xa que se trata de mudar un dos tres símbolos identitarios da Galiza”, acrecentou a deputada socialista que propuxo a creación dunha comisión especial de estudo para tratar o tema con persoas expertas antes de votar 'non'.

"Respecto por Pondal"

O seguinte grupo en intervir foi o nacionalista, da man de Mercedes Queixas. A deputada do BNG tamén agradeceu o discurso de Manuel Ferreiro e lembrou Eduardo Pondal e Pascual Veiga. “Temos himno porque temos historia propia”, proclamou Queixas que engadiu que “a axitación cultural que representa o noso rexurdimento deu os primeiros pasos para a instauración do noso himno nacional”.

Queixas tamén lembrou, ao igual que Ferreiro, que é necesario “corrixir os erros que o himno ten e que escandalizarían a Pondal”. A deputada nacionalista quixo recordar as anteriores iniciativas que ían neste sentido e anunciou o voto afirmativo do seu grupo a esta ILP ao tempo que puxo en valor as máis de 16.000 sinaturas a favor do texto e agradeceu a Vía Galega e Galiza Cultura a iniciativa. Para alén diso, Queixas finalizou a súa intervención apelando ao resto de grupos a que votasen a favor “por respecto á investigación filolóxica, por respecto á ILP e por respecto a Pondal e Veiga”.

Na quenda do PP, Alberto Pazos Couñago iniciou a súa intervención saudando Manuel Ferreiro e manifestando a “gratitude ás galegas e galegos que asinaron a ILP co pensamento de facer unha Galiza mellor”. “O himno da Galiza é patrimonio de todo o pobo galego”, engadiu Pazos Couñago ao tempo que manifestou que “non podemos usar os nosos símbolos para atacar outros galegos”.

Couñago tamén lembrou as anteriores iniciativas a este respecto e indicou que “é necesario un amplo consenso social para mudar un símbolo como o himno e, polo menos, unanimidade parlamentaria”.

Comentarios