A emigración pide recoñecer Castelao primeiro presidente da Galiza

Representantes de entidades da Galiza en América mantiveron esta segunda feira un encontro en Rianxo.
Ordóñez, Mascato, Bustelo, Chesqui, Rey, Castro, Vila, Ameixeiras, Besteiro e Bravo, esta segunda feira, en Rianxo. (Foto: Xan Leira)
photo_camera Ordóñez, Mascato, Bustelo, Chesqui, Rey, Castro, Vila, Ameixeiras, Besteiro e Bravo, esta segunda feira, en Rianxo. (Foto: Xan Leira)

Entidades da emigración e do exilio foron recibidas esta segunda feira no Concello de Rianxo (O Barbanza) como un xesto de recoñecemento a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Motivou esta visita a Rianxo o feito de seren representantes dalgunhas das entidades promotoras do Manifesto para que Castelao, pola súa condición de presidente do Consello da Galiza, sexa proclamado como primeiro presidente da Galiza.

Introduciu o acto o secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López Franco, que deu a benvida aos asistentes e explicou o sentido do evento, dando paso ao alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, que renovou o a vontade do concello por  divulgar a figura de Castelao e con el recoñecer a importancia da Galiza exterior,  das persoas que forman o continxente humano da diáspora.

O cineasta galego-arxentino Xan Leira fixo as funcións de introducir as diferentes persoas que interviron: polo Centro Betanzos, María Carmen Castro, secretaria, e Bernardo Rey, tesoureiro (á vez que presidente do Fogar Galego para Anciáns); Diego Martínez Duro, ex presidente da Federación de Entidades Galegas de Arxentina e asinante do manifesto; polo ABC de Corcubión, Carlos Ameixeiras, presidente; polo Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, presidente da sinatura do manifesto, quen afirmou que "neste documento o que facemos é constatar unha verdade histórica inapelábel, que Castelao foi o primeiro presidente da Galiza por selo do Consello. El é a cartografía que nos guía para non perdernos. En Castelao cabemos todos, só precisamos ser galegas e galegos".

"En Daniel Castelao cabemos todos nós"

Vila Alén, tamén representante do Colexio Santiago Apóstolo e membro do consello de administración da delegación arxentina da Fundación Galicia América, referiuse ao sentido do manifesto como o recoñecemento dunha verdade histórica, a constatación de que Castelao está por riba de todos nós. "En Castelao cabemos todos nós, sempre que nos sintamos galegas e galegos", aseverou Vila Alén.

Polo Centro Cultural da Estrada na emigración, interviu o seu presidente, José Manuel Besteiro, que lembrou os vencellos de Castelao coa Estrada polo seu casamento con Virxinia Pereira, reafirmándose no compromiso adquirido na sinatura do manifesto e no compromiso de fidelidade á figura do autor do Sempre en Galiza.

O acto rematou coa intervención do voceiro do BNG, Xusto Ordóñez, quen agradeceu ás diferentes representacións o seu compromiso co país, con Rianxo e con Castelao, rememorando os vencellos da súa vila coa comunidade emigrada e co exilio. E rememorando que Castelao non só foi valorado pola comunidade galega, o seu prestixio estarricouse até as comunidades vasca e catalá, onde aínda conserva todo o seu prestixio político e humano.

A seguir fíxose unha visita guiada polo alcalde á casa natal de Castelao. O rexedor reiterou a vella vontade do concello por adquirir a propiedade e poñela ao servizo da veciñanza da súa vila e da Galiza, e unha ofrenda no seu monumento. As persoas asistentes remataron a xornada cun xantar de confraternidade onde se desenvolveu unha nova sesión de traballo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios