Parlamento

A Cámara aproba un plan contra a seca e pide un "plan de choque" fronte á eventualidade laboral na sanidade

A proposta urxe implicar as investigadoras.
A deputada nacionalista Carme Aira defendeu a proposta.
photo_camera A deputada nacionalista Carme Aira defendeu a proposta. (Foto: Nós Diario)

A Cámara galega galego aprobou no pleno desta terza feira por unanimidade unha iniciativa destinada a impulsar unha política de investigación e acompañada de medidas concretas para combater as graves consecuencias da seca no agro galego.

A proposición insta a Xunta da Galiza "a abordar dun modo global o problema da seca, derivado do cambio climático e que afecta as producións vexetais para consumo humano. Implicar o sistema investigador agrario e a universidade con estudos de afectación do territorio e solos así como estabelecer liñas de investigación sobre o ciclo da auga, novas captacións e aproveitamento de augas para rego sustentábel".

A autora da iniciativa, a deputada nacionalista Carme Aira, explicou que "a deriva das prácticas agrícolas provocou solos con gran cantidade de nutrientes pero pouca materia orgánica que os converten en pouco resistentes á seca e con pouca biodiversidade ante as dificultades de desenvolver microorganismos e ecosistemas, provocando unha caída da produción agrícola tanto de forraxes como de produtos hortícolas para consumo humano".

O Parlamento acorda pedir un "plan de choque" fronte á eventualidade laboral na sanidade

O deputado socialista Julio Torrado. (Foto: Nós Diario)
O deputado socialista Julio Torrado. (Foto: Nós Diario)

Por outra parte, o pleno aprobou unha proposición non de lei do Partido Socialista para reclamar á Xunta da Galiza que poña en marcha un plan de choque para reducir a eventualidade no Sergas por baixo e 8%.

O portavoz socialista de Sanidade, Julio Torrado, saudou o "cambio de postura" no PP e demandou á Consellaría de Sanidade que cumpra co acordo e demostren que "aceptan a realidade da situación da sanidade pública".

Comentarios