Por que está deturpado o Himno galego? Así sería a letra orixinal composta por Eduardo Pondal

A ILP defendida por Vía Galega para restaurar o texto orixinal non saíu adiante pola negativa de PP e PSdeG.
Eduardo Pondal. (Foto: RAG)
photo_camera Eduardo Pondal. (Foto: RAG)

O profesor da UDC e filólogo Manuel Ferreiro foi o encargado de defender esta terza feira no Parlamento da Galiza a iniciativa lexislativa popular (ILP) rexistrada por Vía Galega e Galiza Cultura para restaurar a versión orixinal do Himno galego, tal e como emanou das ideas de Eduardo Pondal. "A versión certa do himno é a que esta ILP presenta, adaptado, claro está, á grafía moderna vixente. As probas son indiscutíbeis, e o texto presentado é o verdadeiro texto de Eduardo Pondal, sen esa acumulación de anomalías lingüístico-textuais contraditorias coa escrita pondaliana", alegou Ferreiro desde a tribuna.

A versión do Himno que chegou aos nosos tempos, oficializada por diferentes institucións e entidades ao longo do pasado século, conta con numerosas "deficiencias textuais", precisou o catedrático, entre as que salientou incorreccións na puntuación, "que na versión oficial desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo".

Tamén "nivelacións lingüísticas de menor transcendencia, mais que non corresponden ao orixinal pondaliano, xunto cunha mudanza con importancia métrica e estilística —o artificial 'soo' en vez do orixinal e certo 'sós'—; formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano como 'ronco', xamais utilizado por Pondal e un hiperenxebrismo que, afirmou, repugnaría ao poeta, como iñorantes".

Despois de décadas cantando aos "iñorantes" e "féridos", a deturpación da letra orixinal levounos a esquecer e mesmo obviar que Eduardo Pondal non a compuxo así. E, para retomar a canción orixinal, velaquí a letra que esta ILP pretendía restaurar:

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ó raio trasparente
do prácido luar...?
Que din as altas copas
de escuro arume harpado
co seu ben compasado,
monótono fungar...?

Do teu verdor cinxido
e de benignos astros,
confin dos verdes castros,
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono:
desperta do teu sono,
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mas sós os ignorantes
férridos e duros,
imbéciles e escuros,
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán,
pois donde quer, xigante,
a nosa voz pregoa,
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Comentarios