Cantabria

PP e Vox aproban a derrogación da Lei de Memoria cántabra

"7.000 familias cántabras non saben onde teñen enterrados aos seus mortos. A lei non é para vítimas dun bando, é un tema de xustiza", defenderon desde o PSOE.
Pleno do Parlamento de Cantabria. (Foto: Juanma Serrano / Europa Press)
photo_camera Pleno do Parlamento de Cantabria. (Foto: Juanma Serrano / Europa Press)

O PP de Cantabria sacou adiante esta segunda feira cos seus votos unha iniciativa de Vox pola que o Parlamento insta o Executivo rexional, en mans 'populares', a presentar "o máis axiña posíbel" un proxecto de lei de derrogación da Lei de Memoria Histórica e Democrática aprobada a pasada lexislatura por PRC e PSOE. Durante o debate da iniciativa rexionalistas e socialistas defenderon que esta norma buscaba "xustiza" e dar cobertura legal "a todos os que sufriron" no período que vai desde a Guerra Civil até a entrada en vigor da Constitución española de 1978, xa que "non fala de bandos, de vencedores nin vencidos".

Pola contra, PP e Vox opinaron que se trataba dunha lei "parcial e sectaria" que distinguía entre "vítimas de primeira e de segunda". E chamaban a elaborar unha nova norma que conserve da actual o dereito dos cántabros a recuperar os restos dos seus familiares, "sexan do bando que sexan". Os deputados de PP e Vox suman maioría fronte aos de PRC e PSOE —19 a 16—, polo que saíu adiante a petición da Cámara ao Goberno rexional para que elabore o seu novo proxecto de lei. Unha aprobación que moitos cidadáns e colectivos memorialistas que acudiron ao debate como público denunciaron berrando no hemiciclo.

"Dá vergoña!", manifestaron, o que levou a presidenta do Parlamento, María José González Revuelta, a pedirlles que "respecten as opinións de todo o mundo" e que abandonasen o Hemiciclo, algo que xa lles solicitara momentos antes, cando aplaudiron ao termo das intervencións dos portavoces do PSOE e do PRC, xa que este xesto está prohibido no Parlamento cántabro.

A deputada de Vox Leticia Díaz foi a encargada de defender a proposición non de lei que saíu adiante grazas ao apoio dos 'populares'. Na súa intervención, sinalou que a actual norma é "unha lei de desquite" que "omite por completo", dixo, "as vítimas da Fronte Popular". "A dor non ten bandos", asegurou, defendendo que "se debe satisfacer a xusta demanda das vítimas con independencia do seu credo". Aliás, opinou que a Lei de Memoria de Cantabria "nunca se aprobaría se dependese dos que sufriron a guerra".

Na mesma liña, o 'popular' Iñigo Fernández sostivo que a norma "naceu morta" por ser "sectaria" e aprobarse "sen diálogo", xa que asegura que o seu grupo presentou emendas que PRC e PSOE "nin leron". Na súa opinión, "distingue entre vítimas dun bando e doutro", busca "enfrontar os cántabros" e "rega de diñeiro público só as asociacións memorialistas dun lado".

A dereita "máis anticonstitucional"

Fronte a iso, o PRC acusou ao PP de situarse á beira "da dereita máis anticonstitucional", "con Vox e as vítimas dun lado", en lugar de "coas vítimas dos dous lados", como ao seu xuízo podería facer apostando por modificar a lei en lugar de derrogala. O rexionalista Pedro Hernando asegurou que esta lei xa daba cobertura legal "a todos os que sufriron nesa época e non foron recoñecidos", e entende que "dicir que hai un período que queda fóra é faltar á verdade". "A lei non fala de bandos, de vencedores nin vencidos. Fala de persoas, de vítimas".

Finalmente, o socialista Mario Iglesias lamentou que sería "impensábel" que unha iniciativa así se debatese en países como Italia, Alemaña ou Portugal, e denunciou que proceda dun partido en cuxas filas hai "abertos defensores do réxime franquista" e que "negan o recoñecemento ás vítimas dicindo que supón reabrir feridas".

Ademais, subliñou que os primeiros restos que se exhumaron en Cantabria con esta lei foron os dun alcalde pedáneo de Liébana asasinado polos maquis. "Deixen de dicir que só é para vítimas dun bando. É un tema de xustiza", sentenciou, engadindo que "7.000 familias cántabras non saben onde teñen enterrados os seus mortos" e que España é o segundo país con máis fosas comúns só por detrás de Cambodia.

Comentarios