O BNG critica que o Goberno español "disfrace" as viaxes do emérito á Galiza de "privadas": "É unha burla"

O emérito, residente en Emiratos desde o verán de 2020 cando fuxiu polos casos de corrupción en que está implicado, volve a Sanxenxo para participar nas regatas que decorrerán a vindeira quinta feira a bordo do 'Bribón'.
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

O BNG criticou que se "disfrace" de visitas privadas as "xa habituais" viaxes á Galiza do rei emérito Juan Carlos e pediu contas ao Goberno español polo chegada esta segunda feira a Sanxenxo (O Salnés). En concreto, reclama saber o custo que suporá para o erario público esta nova visita.

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego rexistrou unha batería de preguntas escritas coas que busca que o Executivo se pronuncie polas "cada vez máis frecuentes" viaxes de Juan Carlos de Borbón ao país e polo custo que estes supoñen, sobre todo en materia de seguridade, para as arcas do Estado.

O emérito, residente en Emiratos desde o verán de 2020 cando fuxiu polos casos de corrupción en que está implicado, volve a Sanxenxo para participar nas regatas que decorrerán a vindeira quinta feira a bordo do Bribón. Juan Carlos I xa estivo a finais de xullo neste municipio, na que foi a súa terceira visita desde o seu cambio de residencia.

Rego considera que se pretende "dar carta de normalidade" a este tipo de viaxes e cre que "é hora" de que o Goberno se pronuncie sobre esta situación e deixe de "parapetarse" de novo baixo a xustificación de que se trata de visitas "privadas".

Sobre todo porque, na súa opinión, estas teñen "unha transcendencia política e unhas implicacións económicas e prácticas pola súa condición" de rei.

"Bochornosas"

"Non cre que resulta xa bochornoso este tipo de viaxes á Galiza cada vez máis frecuentes e en intervalos de tempo máis estreitos?", reza un dos interrogantes rexistrados na Cámara Baixa por Rego, quen critica que o Goberno non evite o "trato preferente e privilexiado" que, ao seu xuízo, se dá ao que fora Xefe do Estado en tanto os dispositivos de seguridade e outros gastos custéanse con diñeiro público.

"Non deixa de supor unha tomadura de pelo á cidadanía" ver como, visita tras visita, se outorga "un trato privilexiado a un corrupto, con cinco delitos fiscais no seu haber, ademais doutros de suborno e branqueo", abundou.

Entre outras cuestións, Rego quere saber en concreto que tipo de dispositivo de seguridade levará a cabo nesta nova viaxe e estancia de Juan Carlos de Borbón e cal será o custo total para as arcas do Estado. Neste punto, pide coñecer tamén o custo da súa última visita.

Comentarios