PSdeG afea o "carrusel de regalías" dunha Xunta que prima "regalar chándales" a recuperar os libros de texto gratis

Formoso alerta de que os recortes na educación pública da man de Rueda deixan a Galiza “sen futuro”

Formoso Ourense Carmen Rodríguez Nóvoa 230923 01
photo_camera Formoso saúda en Ourense a militante do PSOE de máis de 100 anos Carmen Rodríguez Nóvoa.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou este sábado os recortes no ensino público aplicados pola Xunta da Galiza e que abocan a unha Galiza “sen futuro”. Así o dixo antes de participar na II Xuntanza Provincial do Socialismo Ourensán, no que tamén interveu o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e no que homenaxearon a histórica militante Carmen Rodríguez Nóvoa.

Formoso acudiu ao encontro logo da Festa Socialista da pasada fin de semana e na que participou o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e que demostra que o partido “está activado, ilusionado, con espírito crítico e ánimo de fiscalización” do Goberno galego. Criticou así a xestión do presidente da Xunta, inmerso nun “período de regalías universais”.

Censurou que Rueda teña anunciado que “prefire regalar chándales” e bonos turísticos “a todo o mundo” logo de pór en cuestión o modelo de gratuidade dos libros de texto, posto en marcha polo Goberno bipartito. “Un modelo que investindo 17 millóns cada ano -71 millóns de euros cada catro anos de vixencia dos manuais- desafogaba o custe de 700 euros por alumno para as familias”.

No canto de axudar na adquisición de libros de texto, apuntou que o presidente da Xunta prefire destinar unha contía semellante para un bono deportivo de 120 euros para escolares sen progresividade, “dá igual que pertenzas ao clube selecto de 7.700 galegos con 6 millóns de euros ou que cobres o salario mínimo”. E iso antes de anunciar un bono turístico para 10.000 persoas independentemente da súa renda.

Valentín González Formoso acusou o presidente da Xunta de pór “en tea de xuízo” uns servizos públicos “máis debilitados” desde que tomou posesión como presidente da Xunta, e que é posto de manifesto sinaladamente no ensino e a sanidade.

Chamou a salvagardar estes servizos, que no caso concreto da educación garanten unha “sociedade de futuro” e permiten reter talento e “cumprir o soño de rapaces e rapazas que queren iniciar un proxecto vital e laboral na súa terra”.

Comentarios