Vía Galega considera un "desprezo absoluto" a negativa de PP e PSdeG a restaurar o Himno galego

A restauración da composición orixinal de Eduardo Pondal, defenden desde a entidade promotora da ILP, "xustifícase por razóns de xustiza e de reparación da verdade dun dos nosos símbolos fundamentais" que, en palabras de Pondal, "nos identifica publicamente como fillos e fillas da nazón de Breogán", isto é, "como galegos e galegas".
Intervención de Manuel Ferreiro desde a tribuna do Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera Intervención de Manuel Ferreiro desde a tribuna do Parlamento. (Foto: Arxina)

PP e PSdeG rexeitaron cos seus votos esta terza feira que seguise adiante na tramitación a iniciativa lexislativa popular (ILP) presentada por Vía Galega e Galiza Cultura para restaurar a versión orixinal do Himno Galego, unha decisión que desde as entidades promotoras cualifican de "desprezo absoluto" aos perto de 16.000 galegos e galegas que apoiaron a ILP. Tamén unha "completa desconsideración", lamenta o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, á investigación que se levou a cabo "para constatar que a letra do himno está deturpada".

Louzao tamén cre que a negativa de populares e socialistas "unicamente se pode entender por un desprezo aos nosos símbolos", e rexeita a xustificación de constituír unha ponencia no Parlamento. "Isto podíase facer tomando a ILP en consideración e mesmo pedir todos os informes que se viran necesarios", dixo, se ben considera tamén "cínico, inxustificábel e inaceptábel" que, estando presentado este tema desde o ano 1996, hai 27 anos, "agora veñan con que votan en contra porque necesitan máis informes".

Máis grave aínda valorou o feito de que non solicitasen eses informes cando a comisión promotora da ILP se entrevistou con todos os grupos parlamentarios para presentar a iniciativa o pasado mes de marzo e, transcorridos seis meses, "non tiveron tempo a facelo". Por iso, para Anxo Louzao é "tanto máis incomprensíbel" o rexeitamento de PP e PSOE a "facer xustiza histórica" logo de recoñecer que, efectivamente o himno está deturpado, "como cando se comprobou que Rosalía de Castro non nacera o 24 de abril, senón o 23, e se modificou a data".

O portavoz de Vía Galega denunciou ademais que a decisión de PP e PSOE, ás portas dunha nova convocatoria electoral, ten por obxectivo "non abordar a restauración da letra do himno, que quedará unha vez máis esquecida". E adiantou que, malia isto, Via Galega e Galiza Cultura "van continuar batallando até que por fin se faga xustiza histórica". Porque a restauración do nos himno, tal e como argumentou desde a tribuna o catedrático Manuel Ferreiro, "xustifícase por razóns de xustiza e de reparación da verdade dun dos nosos símbolos fundamentais" que, en palabras de Eduardo Pondal, "nos identifica publicamente como fillos e fillas da nazón de Breogán", isto é, "como galegos e galegas".

Percorrido pola historia

Na súa intervención Manuel Ferreiro fixo, primeiro, un percorrido pola historia do himno e despois pola "cadea de erros incorporados" no seu proceso de transcrición e divulgación. A este respecto, subliñou que a edición orixinal foi a realizada polo poeta e polo músico en 1890, mais que a difusión real do texto produciuse en Cuba, na revista Galicia, onde foi publicado en dúas ocasións "inzado de todo tipo de erros de impresión e interpretación" que chegaron aos nosos días.

Posteriormente publícase no Boletín de la Real Academia Gallega á morte do poeta, reproducindo a versión difundida en Cuba e, finalmente, ese texto pasa á compilación da lírica pondaliana que a Academia Galega realiza no centenario do poeta, en 1935. Edición da que Ferreiro considerou que a Lei de Símbolos tirou o texto.

Deficiencias textuais

Entre as deficiencias textuais sinalou, alén dalgunha incorrección na puntuación, que na versión oficial desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo; nivelacións lingüísticas de menor transcendencia, mais que non corresponden ao orixinal pondaliano, xunto cunha mudanza con importancia métrica e estilística —o artificial 'soo' en vez do orixinal e certo 'sós'—; formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano como 'ronco', "xamais utilizado por Pondal" e un hiperenxebrismo que, afirmou, "repugnaría ao poeta", como iñorantes.

Isto xunto a aparición de "formas idiomáticas falsas", inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega, como 'féridos' ou a deturpación da expresión orixinal, con 'chan' en vez de 'clan' —pobo—, "un celtismo garantido absolutamente polos usos pondalianos, incluídas as redaccións manuscritas", matizou. Lembrou que o propio Pondal foi consciente destas deturpacións que quixo corrixir sen ter a posibilidade de facelo. Unha oportunidade que, dixo, "pode e debe" agora realizar a Parlamento e que non fixo polos votos en contra de PP e PSOE.

Comentarios