debate de investidura

Non hai sorpresa: Feixoo perde a primeira votación da súa investidura

Esta sexta feira 29 de setembro terá lugar a segunda votación. Nesa segunda sesión, Feixoo terá dez minutos para pedir o respaldo da Cámara, e os representantes dos grupos parlamentarios disporán de cinco minutos cada un.
Alberto Núñez Feixoo esta cuarta feira durante a sesión de investidura (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo esta cuarta feira durante a sesión de investidura (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Finalizou a primeira votación da sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo para a Presidencia do Goberno español sen sorpresas. O candidato do PP non conseguiu os 176 votos favorábeis necesarios para se converter presidente do Goberno estatal. O resultado final foi de 178 votos en contra ante 172 a favor.

Así, esta sexta feira 29 de setembro terá lugar a segunda votación. Nesa segunda sesión, Feixoo terá dez minutos para pedir o respaldo da Cámara, e os representantes dos grupos parlamentarios disporán de cinco minutos cada un.

En total, unha hora máis antes de empezar a segunda votación por chamamento, na cal ao candidato xa lle basta con maioría simple (máis votos a favor que en contra).

A segunda xornada

Durante a mañá desta cuarta feira proseguiu o debate de investidura coas intervencións do BNG, Bildu, PNV ou UPN. Comezou Bildu da man de Mertxe Aizpurua que atacou o feito de que Feixoo se negue a usar auriculares para escoitar a interpretación ao castelán da súa intervención. “O PP é residual no meu país, Euskal Herria é profundamente antifascista e vostedes non teñen cabida porque desprezan o noso idioma e a nosa cultura”, espetou Aizpurua.

O seguinte en intervir foi Aitor Esteban do PNV que manifestou que “levamos varios meses con este proceso que non serve para nada. É vostede candidato [Feixoo] á Presidencia sen ter os apoios necesarios. Nós caracterizámonos polo diálogo, mais no PP dependen de Vox, e así non podemos negociar”.

Néstor Rego, do BNG, foi o seguinte en intervir e indicou que a súa organización vai votar ‘non’ na súa investidura” e explicou os porqués do BNG: “Galiza é un país co que o Estado español ten unha débeda histórica, os gobernos españois axudaron a alargar o empobrecemento e a precariedade no noso país”.

Cristina Valido de Coalición canaria e Alberto Catalán da Unión do Pobo Navarro tamén interviñeron manifestando a súa intención de votar favorabelmente na investidura de Feixoo.

Comentarios