debate de investidura

VÍDEO | Así foi o minuto a minuto da sesión de investidura de Núñez Feixoo

Minuto a minuto do debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo.
Intervención de Alberto Núñez Feixoo desde a tribuna. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Intervención de Alberto Núñez Feixoo desde a tribuna. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
 Actualizar

12.25

Cuca Gamarra (PP) fecha as intervencións do Partido Popular da sesión de investidura. No seu discurso atacou “a amnistía que o PSOE está a negociar por detrás cos independentistas cataláns”. “Neste Parlamento non hai unha maioría progresista mais os soberanismos están a arrastrar o PSOE e están a secuestralo para manterse no poder”, espetou.

11.45

Néstor Rego (BNG) na súa réplica a Feixoo: “Vostede ten tempo ilimitado e practicamente non mencionou Galiza, será porque non lle interesa. O BNG conseguiu unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9, que conseguiu o PP? O BNG é a segunda forza política no Parlamento galego e para o ano Ana Pontón liderará un Goberno digno para o noso país”.

11.30

Feixoo responde a Rego: “Fixo o discurso que todo o mundo esperaba do Bloque Nacionalista Galego e recoñecereilles que mentres o señor Rego falaba tomei apuntes en galego”. “Recoñézolles que son un nacionalismo irrelevante para o PSOE aínda que conseguiron que o Partido Socialista sexa residual no Parlamento galego”.

11.00

Cristina Valido (Coalición Canaria): “Pensei que iamos debater sobre como mellorar as vidas da xente mais nada diso. Nesta investidura batemos o récord de insultos e descualificacións. Eu débome a quen me votou en Canarias e estou aquí para que se escoite a voz das xentes das nosas oito illas”.

10.55

Néstor Rego (BNG): “O seu legado na Galiza déixanos peores servizos públicos, ningunha residencia pública construída durante os seus mandatos na Xunta. Tamén recortou na sanidade pública para favorecer a privada. É responsábel de políticas que atacan a lingua galega, como mal chamado ‘decreto do plurilingüismo’ que prohibe dar materias na nosa lingua”.

10.45

O deputado do BNG, Néstor Rego intervén nesta segunda xornada da sesión de investidura e manifesta que “señor Feixoo, o BNG vai votar non na súa investidura” e explicou os porqués do BNG: “Galiza é un país co que o Estado español ten unha débeda histórica, os gobernos españois axudaron a alargar o empobrecemento e a precariedade no noso país”.

10.25

Os partidos nacionalistas vascos responden a Feixoo. Por parte de Bildu, Aizpurua indicou que “vostede representa a dereita e a extrema dereita, nós estamos do lado correcto, do lado dos dereitos humanos, do lado do antifascismo”. Pola súa parte, Esteban, do PNV, aseverou que “a intervención do candidato non merece nin réplica. Vostede ten que dar respostas e hoxe aquí fico unha especie de ‘club da comedia’”.

09.55

Feixoo responde a Bildu e ao PNV na súa quenda de réplica. “Non quero os votos de Bildu, déixollos a Sánchez”, indicou o candidato do Partido Popular ao tempo que manifestou a respecto de Bildu que “vostedes non son como o BNG ou como Junts ou como ERC, non hai ningún partido como o seu”. Con respecto ao PNV, Feixoo indicou que “O Partido Nacionalista Vasco compite por ser o socio máis fiel de Sánchez. Con todo respecto ao PNV, mais a Bildu non”.

09.30

Aitor Esteban (PNV): “Levamos varios meses con este proceso que non serve para nada. É vostede candidato [Feixoo] á Presidencia sen ter os apoios necesarios. Nós caracterizámonos polo diálogo, mais no PP dependen de Vox, e así non podemos negociar”.

09.05

A deputada de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, deu comezo á segunda xornada da sesión de investidura de Alberto Núñez Feixoo. Atacou o feito de que Feixoo se negue a usar auriculares para escoitar a interpretación ao castelán da súa intervención. “O PP é residual no meu país, Euskal Herria é profundamente antifascista e vostedes non teñen cabida porque desprezan o noso idioma e a nosa cultura”, espetou Aizpurua.

 

Xornada do 26 de setembro

20.05

Miriam Nogueras (Junts): "Vostedes non van contra o independentismo. Vostedes van, desde hai séculos, contra Catalunya. E o independentismo é unha consecuencia diso. Este é o segundo discurso do debate de investidura. O primeiro foi o domingo e non se pode dicir que non falaron claro: 'España unha e non 51' e 'Puigdemont a prisión'. Nós tamén o facemos: non os imos apoiar".

19.40

Gabriel Rufián (ERC): "Por moito que vostede [Feixoo] repita que gañou as eleccións, non vai cambiar a realidade, e a realidade é que vostede non pode gobernar, porque isto é un sistema representativo. Non gaña quen gana, gaña quen pode sumar para gobernar e vostede non pode".

18.40

Alberto Núñez Feixoo (PP), a Marta Lois: "Teñen cinco millóns de votos menos e chámannos perdedores e fracasados. Non deberían dar leccións disto. Sei que puxeron ‘Sumar’, pero o resultado foi ‘restar'".

18.30

Marta Lois (Sumar): "Sabe vostede canta xente votou as opcións que van dicir que 'non' ao seu Goberno? 12.494.575 persoas, case 1,2 millóns de persoas máis das que votaron por vostedes. Non se rompe España, descompóñense as dereitas". A representante de Sumar tamén defende que a amnistía "é unha opción de pasar páxina".

18.00

Marta Lois (Sumar): "Hoxe non vimos celebrar unha investidura. Vimos celebrar o final dunha viaxe errática, triste e chea de mentiras e bandazos. Unha viaxe a ningunha parte na que Feixoo fixo perder moito tempo ao noso país. Vostede non será presidente porque a súa alianza coa extrema dereita sepárao do país que di representar".

17.50

Feixoo, a Sánchez: "Non conseguiu nunca o número de deputados que conseguín eu. Non soporta que dependa para ser presidente do que queira Puigdemont. Se di 'non', Sánchez non será presidente de España. Isto non pasara na historia do noso país xamais. É unha anomalía democrática sen precedentes".

17.10

Santiago Abascal (Vox): "Eu podería dicirlles hoxe, a modo de reproche, aquilo de que hai que saber sumar, de que non dan os números para esta investidura ou que é unha investidura ociosa, mesmo que é un balón de osíxeno para o PSOE ou simple propaganda, pero non o vou a dicir porque ademais non o creo", dixo, ao tempo que ratificou o seu apoio a Feixoo e lamentou que o PP non apoiase as súas mocións de censura contra Sánchez.

16.40

Feixoo, sobre a decisión do PSOE de que interveña Óscar Puente no canto do presidente en funcións do Goberno español: "Señor Sánchez, vostede pedía seis debates durante a campaña electoral e agora non é capaz de facer o segundo. Levou o PSOE ao cénit do desprestixio", dixo, mentres a bancada do PP berraba "covarde".

16.30

Óscar Puente (PSOE) acusa Feixoo de "intentar ocultar a amizade cun narcotraficante", en alusión a Marcial Dorado: "Vostede forma parte do PP máis rancio, do PP da Galiza, esa gran familia retratada en Fariña". Tamén dixo que o PP "nunca estivo á altura deste país" e que o seu candidato "non é de fiar", polo que non o apoiarán.

16.00

Óscar Puente (PSOE) fálalle a Feixoo "de gañador a gañador", lembrando que el tamén foi o máis votado nas municipais do 28 de maio, pero perdeu o poder por un pacto de PP e Vox: "Como é iso do gañador das eleccións e a lista máis votada? Porque no Congreso non acabamos de collelo. Non veño pasarlle ningunha factura, quero deixarlle claro que non hai nada ilexítimo nin reprochable niso, é a aplicación da Constitución e a lei".

15.50

Retómase o debate coa quenda de réplica para o PSOE, da man do deputado Óscar Puente: "Perdan toda esperanza de crebar este PSOE que tanto lles molesta. Pode que non sexa o mesmo que hai 30 anos, pero non se poñan nostálxicos, ao de hai 30 anos dicíanlle e facíanlle exactamente o mesmo. Aínda que a algún dos que o dirixían entón parece que o esqueceu".

14.30

Sen mencionalos explicitamente, Feixoo alude a Felipe González e Alfonso Guerra e acusa o PSOE de "purgalos". "Non son nostálxicos dun tempo perdido para sempre nin idealizan o pasado, senón que están orgullosos da Transición e de principios e valores que son verdadeiros e non poden ser destruídos por ninguén", dixo.

14.20

Alberto Núñez Feixoo: "España nunca debeu chegar a este punto de decadencia moral na política. Pero persistir nela, cunha versión agravada do xa visto nos últimos anos, sería un erro histórico do que eu non vou participar. Teño principios, límites e palabra. E, sobre todo teño un deber que non vou eludir".

13.40

Alberto Núñez Feixoo: "Quero aprobar a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial á vez que se rexistra nesta Cámara unha lei de reforma do modelo de elección. Defendo que no novo Consello non haxa ningún político na lista. Creo que non cabe negociar entre partidos a Presidencia do Supremo. E deben cumprirse todas e cada unha das condicións de elixibilidade que xa defendemos na última negociación. Na nova lei, debemos asumir o peche total das portas giratorias entre o Poder Executivo e o Xudicial. E garantir tamén a absoluta independencia da Fiscalía Xeral do Estado. E ambas as cousas debesen votarse e aprobarse o mesmo día".

13.20

Feixoo agradece a "responsabilidade" de Vox e engade: "A política de bloques non nace da sociedade. Preténdena impor á sociedade desde arriba. E non o comparto. Non imos ser un mellor país cun novo proceso de división, nin unilateral nin bilateral. O seremos a través dun novo proceso de entendemento. E pódolles asegurar que a estas alturas da miña vida é o servizo que quero prestar ao meu país como presidente. Contribuír a recuperar unha España que, como dixeron os constituíntes de Cádiz: 'Non é nin pode ser patrimonio de ningunha familia nin persoa'. De ningunha. Por iso, o que veño ofrecer é un goberno que se faga cargo de tres obxectivos tan difíciles como esixentes: deixar atrás bloques e bloqueos; garantir a estabilidade do país; e abordar un programa de reformas a través de grandes acordos: no conxunto, e comunidade a comunidade".

12.40

Alberto Núñez Feixoo: "Debemos reforzar os instrumentos para protexer a dignidade do Estado, con dúas decisións que lles anuncio. A primeira, incorporando ao Código penal un delito de deslealdade constitucional, como ocorre en todos os países da nosa contorna. E en segundo lugar, volvendo castigar o delito de malversación de fondos públicos. En realidade, todo isto parte da gran falacia de que a investidura do próximo presidente do Goberno de España ten que pasar irremediabelmente por aceptar todas as exixencias independentistas do independentismo, e non é certo. Mesmo debería ser ao revés porque os españois non votaron que fosen decisivos ao outorgarlles só o 5,5% da totalidade dos votos. Para o que demandan, non se pediu consentimento aos españois, e en consecuencia, os españois non o concederon".

12.30

Alberto Núñez Feixoo: "Teño ao meu alcance os votos para ser presidente do Goberno, pero non acepto pagar o prezo que me piden para facelo. Aos dous ofreceunos [Junts] exactamente o mesmo. A única diferenza, por tanto, só pode radicar na integridade dos dous candidatos posíbeis que poden responderlle, vostede ou eu, señor Sánchez".

12.25

Alberto Núñez Feixoo, candidato do PP á Presidencia do Goberno español, comeza defendendo a súa "alternativa" ao Executivo socialista de Pedro Sánchez. "A amnistía ou calquera fórmula equivalente ou análoga é un instrumento adecuado para superar o conflito catalán. Igualmente, ese conflito non se resolverá de maneira definitiva se non contemplamos o dereito para decidir do pobo de Catalunya mediante un referendo ou calquera fórmula equivalente ou análoga. Con isto bastaría, non? Pois non. Non vou defender iso", dixo ao comezo da súa quenda, en alusión directa a Sánchez.

 Actualizar

Comentarios