Parlamento

O Partido Popular bloquea que haxa máis control sobre vivendas turísticas

As VUT aumentaron na Galiza en 3.700% en apenas seis anos.
Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #inmobiliaria #alugueiro #galiza #vivenda #vivendasturísticas #turismo #fegein
photo_camera Anuncios de alugueiros turísticos nunha localidade da Mariña o pasado verán. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A vivenda centrou unha parte da sesión plenaria desta terza feira na Cámara galega. Dúas proposicións non de lei, unha do BNG sobre vivendas de uso turístico (VUT) e outra do PSdeG sobre a construción de vivenda pública, foron obxecto de debate entre os tres grupos.

Alexandra Fernández (BNG) sinalou como os datos oficiais do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galiza (REAT),indican un aumento destas de 3.787 % das VUT entre 2017 e a actualidade. "Pasouse das 542 rexistradas aquel ano ás máis de 20.500 actuais", dixo, indicando que isto ten un impacto sobre a vivenda residencial ao subir os alugueres.

Entre as propostas do BNG para facer fronte a esta problemática está a esixencia do título habilitante municipal como requisito imprescindíbel para as VUT, máis inspeccións, ou que se estabeleza un número máximo deste tipo de inmóbeis por propietario.

"Turistofóbico"

Para Borja Verea (PP), estamos asistindo á "invención dun novo inimigo: o turista". O deputado do partido Popular sinalou o BNG como responsábel dun relato "turistofóbico", no que o turismo "vén arrasar esta comunidade idílica".

Eduardo Oxea (PSdeG), pola súa parte, lembrou que desde 2015 o prezo dos alugueiros aumentou 29,7 %, superando 35 % nas sete cidades. Na Galiza, proseguiu, máis de 253.000 persoas presentan "carencias materiais severas o que dificulta o seu acceso a unha vivenda digna". Por iso instou o Goberno galego a" levar a cabo programas de construción de vivendas públicas, nomeadamente o programa de construción de vivendas en alugueiro social" para atender a demanda existente.

Comentarios