O BNG exixe ao Goberno español a posta en marcha dos trens Avril na Galiza: "Xa abonda"

Nun comunicado, o Bloque explicou que estes trens permitirán aumentar as frecuencias ferroviarias á Galiza e desenvolver unha política tarifaria "máis barata e atractiva".
O portavoz do BNG do Congreso, Néstor Rego (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera O portavoz do BNG do Congreso, Néstor Rego (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O BNG volveu rexistrar iniciativas no Congreso co obxectivo de coñecer as previsións do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para a posta en funcionamento dos trens Avril na Galiza.

"Xa abonda de modificacións de datas de entrega, de bailes nos prazos estabelecidos, de atrasos e demoras. Hai que pasar das palabras e promesas aos feitos", subliñou o deputado nacionalista, Néstor Rego.

Nun comunicado, o Bloque explicou que estes trens permitirán aumentar as frecuencias ferroviarias á Galiza e desenvolver unha política tarifaria "máis barata e atractiva".

Por iso, Rego demandou ao Goberno do Estado que aclare as declaracións da ministra Raquel Sánchez en plena campaña electoral, que dixo que estarían listos en novembro e que funcionarían a principios de 2024. Así, pide que se estabeleza un calendario para a entrega e a posta en marcha dos Avril e os Avlo.

"A conexión prometida suporá, segundo a ministra, un incremento de catro frecuencias diarias por cada un dos sentidos entre Madrid e Ourense, pero non aclara se se articulará a posibilidade de continuar até Compostela, A Coruña ou Vigo tamén en Avlo, ou se será necesario o transbordo a un Avant", apuntou Rego.

"Política atractiva"

A pesar disto, o deputado reivindicou que a posta en marcha dos Avril "deberá traer consigo unha política tarifaria máis barata e atractiva para os usuarios", pedindo a Renfe que "planifique mellor o servizo" e estabeleza os traxectos que os trens Avril levarán a cabo.

Comentarios