O BNG exixe a Renfe a mellora dos servizos ferroviarios na Galiza e unha rebaixa nos prezos do AVE

“É hora de que o Ministerio e Renfe estuden a alta demanda ferroviaria galega e procedan a incrementar os servizos de trens para facilitar prioritariamente a mobilidade diaria na Galiza", afirma Néstor Rego.
Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar para exixir ao Ministerio de Transportes que proceda, canto antes, á mellora dos servizos ferroviarios na Galiza, a aumentar as frecuencias, acabar cos retrasos e os problemas que se multiplicaron neste mes, e a rebaixar as tarifas dos trens AVE e Avant que “están polas nubes”.

Rego traslada a Renfe “o cansazo e o fastío de millares de usuarios e usuarias do tren na Galiza que sofren un setembro negro de servizos ferroviarios que se demoran, con avarías, sen prazas suficientes, e que converten nunha carreira de obstáculos chegar a tempo aos traballos, a unha cita médica ou á universidade”.

Son numerosas as ocasións en que o BNG se ten dirixido a Renfe para que incremente as frecuencias ferroviarias no Eixo Atlántico e na media distancia para axustar os horarios ás necesidades e demandas dos galegos e das galegas, ofrecendo máis servizos nas franxas horarias da mañá, do mediodía e ampliando as do serán e da noite.

Os billetes AVE "polas nubes"

Outra das queixas feitas pola formación nacionalista atinxe a política tarifaria de Renfe. “A modernización das conexións coa posta en marcha do AVE Madrid-Ourense e a conexión con outras cidades do Eixo Atlántico ferroviario, lonxe de contemplar unha política tarifaria moderada e accesíbel para as maiorías sociais, oferta prezos inasumíbeis e excesivos. Mercar billetes para a conexión entre Galiza e Madrid ou á inversa está a converterse nun artigo de luxo, con prezos de 80 euros ou máis por traxecto e que superan en moitas ocasións aos dos avións”.  

Rego destaca o acontecido neste verán e setembro: “o custe medio dun billete Madrid-Santiago, Madrid-A Coruña ou Madrid-Ourense, situábase en 80-115 euros por traxecto. Non é un problema de período estival, esta é a situación ao longo de todo o ano á hora de mercar billetes de cara a fin de semana”. Á situación dos prezos únese a falta de prazas por moito que se mire con antelación.

O Goberno debe manter os bonos gratuítos en 2024

En conclusión, afirma o deputado do BNG, “é hora de que o Ministerio e Renfe estuden a alta demanda ferroviaria galega e procedan a incrementar os servizos de trens para facilitar prioritariamente a mobilidade diaria, dado que Galiza carece de servizos de “Cercanías ferroviarias” -que deberían implantarse para facilitar o transporte interno de viaxeiros-, ao tempo que se aumentan as prazas dos servizos de longa distancia e abaratar os billetes”.

Néstor Rego insta o Ministerio a manter o bono gratuíto de cercanías e media distancia que está operativo até o 31 de decembro. Así como as bonificacións a 50% nos trens Avant, que se aprobou a iniciativa do BNG. “É evidente que a xente ten o tren como referencia de transporte diario cando se trata como un servizo público e non como un negocio. Coidamos que é a liña que debe seguir o Goberno, mais implica tamén mellorar a calidade do servizo ferroviario e das súas infraestruturas.  

"Oportunidade de ouro para mellorar o tren"

“O tren é o transporte sostíbel por excelencia. Posto que o Ministerio vén de presentar unha proposta perante a Comisión europea para evitar cobrar polas autovías a cambio de incentivar o uso do tren, é unha oportunidade de ouro para que efectúe melloras nas infraestruturas e servizos ferroviarios galegos”, engade Rego.  

Comentarios