28-M

A Montaña será decisiva o 28-M

Os Ancares, A Fonsagrada e Meira, as comarcas que conforman a área coñecida popularmente como A Montaña, levan máis dun século despoboándose. Un proceso iniciado coa emigración americana das últimas décadas do s. XIX e das primeiras do XX, agudizado coas emigracións europeas da segunda metade do s. XX e acelerado coa reconversión do complexo agrario, após a incorporación do Estado español ao Mercado Común Europeo, antecedente da actual UE. O 28-M, tócalles ás 19.057 veciñas e veciños da zona decidir o camiño a seguir.

Á esquerda, un núcleo poboacional na serra dos Ancares; á dereita, habitantes de cada concello (datos do IGE de 2023).
photo_camera Á esquerda, un núcleo poboacional na serra dos Ancares; á dereita, habitantes de cada concello (datos do IGE de 2023).

O despoboamento e a caída da poboación están no centro dos problemas das comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Meira desde hai moitas décadas. Só no que vai de século, esta zona, coñecida popularmente como A Montaña, perdeu 34,3% de habitantes, pasando de 28.986 residentes en 2000 a 19.057 en 2022. Neste sentido, as peores cifras rexístraas a comarca dos Ancares, cunha baixada de 35%, e a comarca da Fonsagrada, con 32%. Precisamente, nestas áreas, os concellos de Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita ven como se reduce o número de edís das súas corporacións municipais debido ao descenso de poboación.

48,2% de residentes na Montaña superan os 64 anos de idade. Nesta dirección, a poboación maior de 64 anos representa 49,9 % do censo na comarca dos Ancares, 49,4 % na da Fonsagrada e 43,8 % na de Meira. As persoas en idade de xubilación son máis de 50% do censo en concellos como Ribeira de Piquín, estando moi próximos a estas cifras localidades como Navia de Suarna e Pedrafita. Ao tempo, o concello da Fonsagrada rexistra 37 núcleos de poboación abandonados e Becerreá 18.

A gandaría de carne de vacún é a principal actividade económica da zona. Precisamente, a suba dos custos de produción como consecuencia da alza do valor dos insumos e a caída dos prezos da carne está a pór en cuestión a viabilidade de moitas granxas, obrigadas a vender a perdas nos últimos meses. Nesta mesma dirección, a decisión da Consellaría de Medio Rural de deixar sen axudas moitas explotacións de gandaría ecolóxica representa un duro golpe para este sector.

Recortes en servizos

Os recortes nos servizos públicos e os problemas de mobilidade déixanse notar na totalidade destes concellos. A veciñanza de Ribeira Piquín leva protestando nos tres últimos anos pola ausencia de persoal médico na maioría de días da semana no centro de saúde da localidade. Outro tanto acontece na Fonsagrada, onde a poboación é obrigada a desprazarse até Becerreá, unha viaxe de máis de 50 minutos entre dous municipios non conectados por transporte público, para recibir diversos servizos sanitarios.

O PSdeG concorre a estes comicios coa aspiración de continuar a ser a forza hexemónica na Montaña. Neste sentido, os seus obxectivos pasan por manter as oito Alcaldías que actualmente posúen e incrementar a súa porcentaxe de votos. Unha das localidades onde os socialistas se consideran á alza é A Fonsagrada, onde en 2019 ficaron de segunda forza tras o PP e agora dan por feito converterse na formación con máis votos.

A Fonsagrada está considerado un concello chave nas eleccións locais na circunscrición de Lugo, pois do seu resultado depende en boa medida o reparto do único escano en xogo no seu partido xudicial para a Deputación luguesa. Semella claro que volverá recaer unha ocasión máis no PSdeG, que goberna, ademais de na capital do distrito, en Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín, resistíndoselle só Baleira, que enfronta desta volta uns comicios inéditos cun PP e PSdeG divididos, un BNG con claras opcións de volver á corporación e unha lista de Vox.

O PP non enfronta estas eleccións nas mellores condicións na Montaña. Ao conflito interno en Baleira, sumáselle o da Fonsagrada e a saída da candidatura do seu alcaldábel de 2019, José Regueiro. Porén, o PP agarda reter as catro Alcaldías actuais e avanzar en Navia de Suarna, outro dos feudos históricos do socialismo na zona.

As perspectivas do BNG pasan por medrar en sufraxios e representación. Así, a formación nacionalista conta con recobrar a presenza nas corporacións de Pedrafita e Cervantes, onde non presentaron lista nos pasados comicios, e en Baleira, unha praza sempre complicada para o BNG. Aliás, agardan mellorar resultados nos principais núcleos de poboación, após reforzar e renovar as súas candidaturas na Fonsagrada, Becerreá ou Meira.

Galicia Sempre (GS) parte como favorita para reter o Goberno de Becerreá. A formación, fundada polo alcalde desta localidade, Manuel Martínez, após abandonar o PSdeG, leva como número dous o seu fillo, Manuel Martínez Rodríguez, operación que as fontes consultadas por Nós Diario analizan "en clave sucesoria", até o punto de considerala como unha manobra do rexedor para legar a Alcaldía ao seu descendente. A formación de Martínez preséntase noutros concellos do partido xudicial de Lugo en coalición co Partido Galego (PG) e Contamos, co obxectivo de lograr os sufraxios necesarios para obter un representante na Deputación.

Vox rexistra nesta zona tres das súas oito candidaturas na circunscrición luguesa. A este respecto, a formación aposta por entrar no concello de Baleira, onde a diferenza da maioría das localidades da circunscrición de Lugo, os integrantes da lista están censados no municipio. Neste caso, o equipo está encabezado polo gandeiro Rubén Graña, persoa procedente do Partido Popular e ligado ao mundo da caza, un perfil que se mantén no conxunto da candidatura.

Un PSdeG forte nas tres comarcas

O PSdeG é a formación con maior forza na zona da Montaña. Goberna en oito concellos das comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Meira e mantén a súa presenza na totalidade das corporacións. O PP está á fronte dos municipios de As Nogais, Baleira, Baralla e Riotorto, contando con folgadas maiorías en cada un deles. O BNG está presente en seis corporacións en toda a zona. A formación nacionalista fortaleceuse nestes últimos catro anos e está en condicións de incrementar a súa representación institucional.


Os alcaldes esixen mellorar a  mobilidade e os servizos

Roberto Fernández (Ribeira de Piquín), Carlos López (A Fonsagrada) e Miguel González (Baralla).
Roberto Fernández (Ribeira de Piquín), Carlos López (A Fonsagrada) e Miguel González (Baralla).

O despoboamento é un eixo central nas propostas das formacións políticas de cara ás eleccións locais. A este respecto, o rexedor de Baralla, Miguel González Piñeiro (PP), que colleu o bastón de mando en xullo de 2019 após a morte do seu pai, que era o alcalde deste concello, sinala a Nós Diario que “cando non tes xente, custa moito manter os servizos pero se non tes servizos a xente aínda marcha máis”.

Nesta dirección, incide na importancia de “apoiar a gandaría e o sector forestal, que son as activades económicas máis importantes do concello”, expresando a súa “preocupación pola falta de viabilidade de moitas explotacións e pola ausencia de relevo xeracional”.

O rexedor da Fonsagrada, Carlos López López (PSdeG), explica a Nós Diario que “o gran problema da zona é o despoboamento, asociado á falta de expectativas económicas”. Neste sentido, reclama máis compromiso da Xunta da Galiza “co sector gandeiro, que está a sufrir pola ausencia de axudas do Goberno galego á produción en ecolóxico e pola suba de custos nas explotacións que está obrigando a vender a perdas”.

Asemade, o socialista destaca “a sinatura dun convenio coa Deputación de Lugo para a construción dun parque empresarial con 15 parcelas de 1.000 metros” no seu municipio.

O rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico (PSdeG), apunta a Nós Diario que “non sei se foi antes o despoboamento ou a falta de emprego ou ao revés, pero do que non hai dúbida é de que é o problema esencial”.

Nesta orientación, o rexedor socialista avanza como aspectos chave da súa xestión municipal “a dotación de servizos e a posta en marcha de iniciativas económicas que xeren o emprego”. Así, enumera que “neste mandato puxemos en marcha unha fundación municipal para sacar adiante proxectos empresariais e xa puxemos a andar unha piscifactoría, unhas explotacións de porco celta ou diversas iniciativas de agricultura ecolóxica”.

As expectativas do 28-M

González Piñeiro amósase convencido da súa vitoria nos vindeiros comicios en Baralla. Nesta liña, aspira a repetir os resultados da súa formación en 2019, co aval do traballo feito “durante catro anos, onde gobernamos con valores e estivemos moi próximos á veciñanza. Cando traballas e das todo o que tes, estás tranquilo”.

Carlos López declárase con “expectativas de ser a primeira forza na Fonsagrada”. Ao tempo, considera que “os socialistas estamos en condicións de manter o deputado deste partido xudicial, onde xa gobernamos con maioría absoluta en Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín”, e de “continuar á fronte da Deputación de Lugo, para seguir levando adiante as políticas progresistas aplicadas nestes últimos mandatos”.

Fernández Rico, quen á súa condición de alcalde suma a de membro do Goberno da Deputación de Lugo, aposta por conservar “a maioría absoluta na Ribeira de Piquín e a porcentaxe de voto das pasadas eleccións”. Neste sentido, entende que “o deputado do partido da Fonsagrada está garantido e incluso imos conseguir máis votos que no ano 2019”.

Comentarios