28-M

Bergantiños, Fisterra e Soneira: o corazón da Costa da Morte

O corazón da Costa da Morte está formado polas comarcas de Bergantiños, Fisterra e Terra de Soneira. Con distinta sorte, segundo sexan da costa ou do interior, os 15 municipios que integran esta área dividen a súa actividade entre o sector mar-industria e a agricultura (en horas baixas na zona), pero fundamentalmente o comercio e o sector servizos están a ser importantes motores económicos nunhas comarcas que miran cara ao turismo como fonte de futuro. O Parador de Muxía, prometido no Plan Galiza do PP logo do 'Prestige', está funcionando 20 anos despois do prometido. Na comarca de Fisterra, con Muxía como zona cero do 'Prestige', levan perdido en 20 anos 20% da poboación.
Habitantes de cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Habitantes de cada concello (datos do IGE de xaneiro).

As comarcas de Bergantiños, Fisterra e Terra de Soneira son o epicentro da Costa da Morte. Comprenden 15 concellos que albergan unha poboación de 104.352 habitantes, cifra que salvo as excepción das cabeceiras comarcais, non deixa de minguar segundo os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) curiosamente desde que hai 20 anos, un 19 de novembro de 2002, o Prestige provocaba a maior catástrofe marítima diante xusto destas costas.

Do naufraxio saíu a indignación en masa do pobo galego co Nunca Máis, e un Plan Galiza a modo de desculpa dos Gobernos do PP na Xunta da Galiza e en Madrid que, vinte anos despois, amosou ser insuficiente e mesmo inexistente en moitas das súas promesas. Aquel Parador de Muxía, a zona cero da catástrofe, que anunciaron os populares aos catro ventos durante anos, vén de inaugurarse o pasado 2020, con tan mala sorte que a pandemia obrigou a fechar as portas por tempadas mentres duraron as restricións.

O Prestige vén a conto nestas comarcas porque desde aquel 19 de novembro de 2002, e co acontecido nos meses e anos posteriores, nada voltou a ser o mesmo nesta zona da Galiza. A comarca de Fisterra, segundo as cifras do IGE, non deixa de perder poboación desde aquela data. Nela está o concello de Fisterra, o municipio máis pobre da Galiza en renda per cápita, con 10.358 euros por habitante. Curiosamente os postos 2 e 3 desta listaxe coinciden na zona, son Cabana de Bergantiños, con pouco máis de 11.000 euros, e Laxe, que chega aos pouco máis de 12.000 euros de renda per cápita. Todos eles moi por debaixo da media galega.

O problema das infraestruturas preocupa na comarca de Bergantiños, onde se queixan de que "non hai un metro cadrado de infraestruturas do Estado, aquí todo é da Xunta da Galiza, da Deputación e dos Concellos, pero as comunicacións condicionan moito porque esta comarca mobiliza unha área importante do noroeste". É ademais enlace co sur da Galiza, nomeadamente Compostela e Vigo, e esta comunicación é por unha vía provincial, algo que aseguran que “condiciona moito” tanto os fluxos de traballadoras  e traballadores coma os empresariais e industriais. 

Carballo, motor comarcal

Todos os indicadores socioeconómicos identifican o concello de Carballo como o motor económico da comarca de Bergantiños. Conta cun núcleo que concentra os servizos e o comercio de toda a zona, e ademais no seu territorio están implantadas empresas punteiras como Conservas Calvo, Herfraga ou Ferros Añón. O de Carballo é o polígono industrial con máis demanda de solo da Galiza, e está a piques de esgotarse. Desde o concello, o seu alcalde, Evencio Ferreiro (BNG), asegura que xa teñen trasladado esta petición á Xunta da Galiza, competente na materia.

Carballo ten unha especial vocación comercial, conta con hoteis, pequenos comercios, tendas de proximidade e hostalaría, e unha feira na que produtoras e produtores agrícolas poden sacar ao mercado o seu traballo. A industria céntrase en empresas de plásticos, metal, maquinaria agrícola, conservas e automoción.

Completa a economía o turismo, no caso da costa, entre Razo e Baldaio, a Rede Natura manda sobre a economía, concentrándoa en turismo e surf. Pola contra, no interior priman os sectores primarios, agro, gando e forestal.

Fisterra e Soneira

Mentres os concellos da comarca reduciron os terreos dedicados á produción agrícola a razón de 552 hectáreas menos en catro anos, o concello de Fisterra aumentou esta superficie. O motivo é o cultivo de forraxes destinadas ás explotacións gandeiras de Dumbría e Muxía.

En Terra de Soneira, o concello de Vimianzo tamén mira cara ao agro, hai máis de 700 explotacións de vacún, perto de 200 de ovino, piscifactorías e granxas de polo e porcino. Ademais cultívanse as terras para producir millo e forraxe para atender esta actividade gandeira. Destaca tamén a aposta polo cooperativismo, como no caso de Dumbría, Zas e Vimianzo, que constituíron unha oficina de fomento cooperativo.

Eólicos e banca

Nesta área hai outro cultivo, o do negocio eólico, que ten provocado xa varias protestas veciñais e institucionais. É o caso do parque eólico de Monte Neme (Carballo), unha zona emblemática do municipio na que Enel Green Power España pretende instalar catro aeroxeradores cun investimento de 18 millóns de euros para producir 56.526 MW por hora cada ano. O parque recibiu a autorización inicial pero veciñas e veciños e o Concello de Carballo anunciaron xa que non comparten o proxecto e presentarán alegacións.

Outra loita común é contra o fechamento de oficinas de entidades bancarias no rural e nos pequenos concellos. Na Costa da Morte tanto os Gobernos locais como as veciñas e os veciños téñense manifestado en contra desta práctica, que condena a poboación a desprazarse a vivir cara aos grandes núcleos.


Carballo, Vimianzo e Laxe: a loita contra o despoboamento

Evencio Ferreiro (Carballo), Mónica Rodríguez (Vimianzo) e Xosé Luís Pérez Añón (Laxe).
Evencio Ferreiro (Carballo), Mónica Rodríguez (Vimianzo) e Xosé Luís Pérez Añón (Laxe).

Alcaldes das tres comarcas analizan a situación actual do seu concello e os retos de futuro aos que se enfrontan após o 28 de maio. O alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro (BNG), leva 20 anos na Alcaldía e neste tempo foi o artífice dun “Carballo transformador” que exerce na actualidade como motor económico e social das tres comarcas do epicentro da Costa da Morte. En conversa con Nós Diario, Ferreiro reclama do Estado comunicacións e infraestruturas, “aparecer nos Orzamentos Xerais do Estado” e da Xunta da Galiza o solo industrial e outros equipamentos que Carballo leva anos demandando.

O alcalde, que ten as contas municipais saneadas, quéixase de que a escasa colaboración doutras Administracións provoca "cargas moi elevadas" na prestación de servizos. "Temos que facer grandes esforzos en investimentos”, recoñece. É o caso do centro de saúde, que ten máis de 30 anos e moitas deficiencias, por iso explica que “precisamos un novo edificio, pero a Xunta di que non quere cambiar de localización, só arranxar o vello e anexar novos servizos”.

Ao respecto dun proxecto dinamizador para Carballo e toda a contorna, o Fórum Carballo, cinco edificios nun complexo levantados con fondos da UE, Ferreiro reclamoulle á Xunta da Galiza "máis colaboración institucional e máis actividades formativas" que complementen a vintena de actividades homologadas de formación que o concello ten en marcha neste espazo.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez (PSdeG), resume na atención á veciñanza e o coidado do territorio as prioridades no seu concello. Os servizos sociais son prioritarios nun concello disperso, con 133 núcleos poboados. Por iso o servizo de axuda no fogar e os programas de conciliación son un piar básico no municipio. 
En conversa con Nós Diario, a rexedora explica que o apoio ás emprendedoras e aos emprendedores e ao seu parque empresarial son algúns dos retos de futuro de Vimianzo, ademais de coidar o seu rico patrimonio para potenciar o turismo: “Manter e coidar o noso patrimonio e seguir ampliando o que é un dos maiores atractivos da Costa da Morte”, resume a alcaldesa.

O polígono empresarial de Vimianzo ten 335.095 metros cadrados onde se localizan empresas como Estrella Galicia ou Gerca. Este concello é ademais o auténtico “parque do megalitismo da Galiza” polo que boa parte da recuperación deste patrimonio, para os veciños e as veciñas pero tamén para o seu aproveitamento turístico, pasa pola limpeza, mantemento e restauración destes restos, como é o caso da famosa Ruta dos Dolmens de Vimianzo.

O alcalde de Laxe, Xosé Luís Pérez (PP), sinala a Nós Diario que o concello aposta por renovar o alumeado público con tecnoloxía LED e aumentar os puntos de iluminación, ademais de mellorar a recollida de residuos sólidos urbanos incrementando, por exemplo, o número de composteiros. Tamén expón a mellora e ampliación da rede de saneamento integral do concello, así como o arranxo e mantemento de vías e camiños municipais e aumentar a rede de sendas peonís.

De cara ao futuro, o rexedor apunta á revisión do PXOM, á creación da comunidade enerxética local, á apertura do Punto de Atención á Infancia, solucionar de forma definitiva a acumulación de area na praia de Laxe unha vez aprobada a nova lei do litoral da Galiza, a reorganización do tráfico rodado polo núcleo urbano e a humanización do casco histórico, en puntos como a praza de Ramón Juega ou a rúa Real, segundo relata o alcalde.

Comentarios