28-M

A Coruña e As Mariñas: a forza da industria e os servizos

As comarcas da Coruña e das Mariñas abranguen 19 concellos e 445.057 habitantes. A cidade herculina, cun padrón de 244.700 residentes, é o maior municipio das dúas zonas, mais en ambas localízanse algúns dos concellos máis potentes e puxantes de toda a Galiza, como Arteixo (33.076 habitantes), Oleiros (37.271) ou Culleredo (30.790). A industria, os servizos e o turismo debuxan as distintas economías locais. Aliás, a comarca da Coruña representa máis de 19% do produto interior bruto (PIB) total da Galiza.
Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).

As comarcas da Coruña e As Mariñas, lindeiras xeograficamente, non van da man en canto ao seu desenvolvemento. A da Coruña é unha das comarcas máis potentes do país, xeradora de máis do 19% do produto interior bruto (PIB) galego. A poboación dos nove concellos que engloba supera as 400.000 persoas, concentradas iso si nos concellos da Coruña, Arteixo, Oleiros, Culleredo e Cambre. Os seus datos económicos colócana como unha das zonas máis puxantes da Galiza, cunha contorna dinámica, unha situación xeográfica privilexiada, boas infraestruturas, capacidade empresarial e industrial, capacitación dos seus recursos humanos e todo un stock de recursos endóxenos. A isto hai que sumar o seu carácter como punto estratéxico das comunicacións marítimas e as relacións transoceánicas.

Pero segundo o Informe de conxuntura económica do Instituto Galego de Estatística (IGE), non todo son potencialidades nesta zona, pois existen debilidades a bater como o envellecemento da poboación, a súa concentración nas áreas urbanas, o descenso da poboación activa e unha importante concentración da economía no sector servizos, que nalgúns casos chega a acaparar 80% da actividade. Isto débese especialmente ao auxe do turismo, unha recuperación que se vén producindo desde o ano 2021 e que no primeiro trimestre deste ano deixou un balance de 20.000 visitantes só na cidade da Coruña e 130.000 pernoctacións nos seus hoteis, só superada a cifra por Compostela. Para planificar o futuro do turismo vén de crearse o Observatorio Turístico da Coruña, que analiza datos, predí dinámicas e fai un seguimento para unha planificación estratéxica de futuro.

Falta de vivenda

No que vai de ano, de xaneiro a principios deste mes de maio, o aumento dos pisos turísticos foi de 10% no conxunto das sete urbes, estando por riba desa media A Coruña (19%).

Mentres, a oferta de aluguer de vivenda libre é escasa: só 490 pisos na Coruña (datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias).
Aliás, ao longo do mandato municipal aínda en curso, 2019-2023, o prezo do aluguer nas sete cidades galegas aumentou en 19%. O maior incremento deuse en Ferrol e na Coruña, con subas de 25,3% e 21,2%, respectivamente. A urbe máis cara para mercar unha casa é A Coruña, con 1.858 euros por metro cadrado; seguida de Vigo, con 1.635 euros.

As Mariñas

Pegada a esta comarca terra adentro, con só o concello de Miño mirando cara ao mar, a comarca das Mariñas abrangue 10 concellos e 39.013 habitantes. Betanzos é quen capitanea esta zona, ollando para a industria con empresas de alimentación, pesca, cerámica, moda, loxística e Estrella Galicia. Nas Mariñas teñen en marcha un plan de dinamización turística que aposta polo concepto de “turismo industrial”, con 15 empresas turísticas e marca de calidade con 99 certificacións a empresas da agroalimentación e o sector hostaleiro. Estamos a falar dunha área que é Reserva da Biosfera, pero está entre as catro comarcas do país con máis produción de eucalipto, segundo os datos da Asociación Forestal da Galiza.

O peso de Arteixo

As cifras do crecemento de Arteixo nos últimos 20 anos son extraordinarias. Nese tempo pasou de pouco máis de 7.000 residentes a superar os 33.000, e a día de hoxe é o municipio galego con maior PIB per cápita, 105.000 euros por habitante. Ademais, é o segundo municipio máis rico da Coruña, cun PIB de 4.100 millóns de euros (só superado pola cidade herculina) e ocupa o posto número 5 dos municipios con máis facturación de todo o Estado. A explicación a este fenómeno vivido en Arteixo nos dous decenios pasados é simple: Inditex e Punta Langosteira. A construción agora do polígono de Morás, co tirón de Hijos de Rivera, fai prever un novo boom económico na zona.

Entre o polígono de Sabón e Punta Langosteira, en Arteixo figuran domiciliadas 584 empresas, que facturan ao ano a frioleira de 24.000 millóns de euros. 

Porto exterior da Coruña

A localización estratéxica do porto exterior da Coruña reflíctese ano a ano nas cifras de tráfico e operacións. Nos primeiros tres meses de 2023 o enclave medrou 31,78%, logrando os 3,9 millóns de toneladas nos seus tráficos. Está considerado xa o principal centro loxístico do noroeste peninsular en graneis agroalimentarios, e ten segundo os datos rexistrados, a consideración de papel estratéxico no tráfico marítimo internacional. Todos os parámetros deste gran centro económico da zona medraron só no primeiro trimestre do ano un 43% no caso da pesca e un 65% no do tráfico de cruceiros.

Ao PP resísteselle a cidade da Coruña

O PP só gobernou a cidade da Coruña nun mandato (2011-2015). Despois chegou Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) e a actual alcaldesa, Inés Rei (PSdeG). Nestas dúas comarcas o PP ten nove Alcaldías, seis o PSdeG e catro de formacións locais: Cambre, con rexedor de Unión por Cambre; Carral con Alternativa dos Veciños, formación á cal tamén pertence o rexedor de Oleiros. En Sada a alcaldesa é María Nogareda (ex Alternativa dos Veciños), que goberna grazas a unha moción de censura en 2022 xunto con edís tránsfugas de AV, PSdeG e PP contra Benito Portela (Sadamaioría).


Betanzos, Oleiros e Arteixo, o poderío económico da zona

María Barral (Betanzos), Ángel García Seoane (Oleiros) e José Carlos Calvelo (Arteixo).
María Barral (Betanzos), Ángel García Seoane (Oleiros) e José Carlos Calvelo (Arteixo).

Desde tres Alcaldías (Betanzos, Oleiros e Arteixo) destas dúas comarcas destacan as contas saneadas dos seus respectivos concellos para afrontar os retos que teñen de cara ao futuro. Continuar na senda do crecemento industrial e económico é fundamental para seguir gañando poboación, pero para fixala é preciso facer unha aposta especial polos servizos públicos que eleven a calidade de vida e o comercio e a hostalaría locais.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, 'Gelo' (Alternativa dos Veciños), en conversa con Nós Diario, explica que “logo de 44 anos gobernando Oleiros a receita que temos para seguir medrando é a calidade de vida, os servizos e equipamentos, cultura, educación...”. Segundo explica o rexedor, “levamos anos facendo milleiros de obras e agora mesmo Oleiros está dotado de case todo, así que só hai que manter e mellorar servizos”. Entre estas melloras que o seu concello e toda a comarca coruñesa precisan, o alcalde destaca que “carecemos de infraestruturas axeitadas para o transporte por estrada, e dun servizo de transporte público” que realmente dea servizo á comarca en xeral e a Oleiros en particular.

Seoane critica os “erros” cometidos pola Xunta da Galiza en materia de rede viaria na zona, como a Ponte da Pasaxe, Alfonso Molina ou a “Vía Ártabra paralizada”. Ademais Oleiros vén de quedar sen o servizo de transporte no verán á praia de Santa Cristina, que a Xunta veu conveniando os últimos catro anos. Tamén en materia sanitaria o alcalde critica a falla de pediatras e o feito de que o consultorio de Mera só atenda na planta baixa, “cando o Sergas podería ampliar os servizos sanitarios a todo o edificio".

A alcaldesa de Betanzos, María Barral (PSdeG), en conversa con Nós Diario, defende o seu concello como “referente no social, no cultural, no comercial e nos servizos” como cabeceira comarcal. Ten solicitado ao Estado a creación dun Parador de Turismo porque sabe que o aproveitamento dos fondos europeos suporán para Betanzos “mellorar cuantitativa e cualitativamente a nosa oferta de turismo cultural, histórico e gastronómico”, un turismo sostíbel que segundo a rexedora fará de Betanzos “un lugar máis amábel para as persoas”.

A alcaldesa seguirá demandando da Xunta máis recursos para a sanidade pública, máis especialidades e máis pediatras, e melloras nos centros educativos locais. Pero se hai na zona unha queixa unánime é a do transporte público logo de que a Xunta mudara a licitación deste servizo de 2021. “Hai traballadores do Hospital da Coruña que non poden usar o transporte público desde Betanzos porque é pésimo”.

O rexedor de Arteixo, José Carlos Calvelo (PP), leva 10 anos á fronte da Alcaldía dun dos concellos que máis facturan do Estado. Cun PIB de 4.100 millóns, o que precisa Arteixo é que os recursos económicos revertan no incremento de servizos e equipamentos para os seus veciños e veciñas, que aumentan exponencialmente en cada padrón.

Con 33.076 habitantes, o alcalde considera que é o momento de dar o salto de mediana poboación a concello grande, algo que pode provocar o novo polígono de Morás.

En Arteixo os retos pasan por que a xente mellore a súa convivencia coa actividade industrial, incrementando os servizos e a calidade de vida. Arteixo ten unha pirámide de poboación perfecta, segundo o seu alcalde é un concello global, mozo e dinámico, pero critican o “agravio” de estar pegado a unha gran cidade e pagar peaxe por entrar.

Comentarios