28-M

A batalla por Arousa está aberta

Os comicios municipais nunca defraudan a unha beira e outra da ría de Arousa e nesta ocasión non vai ser diferente. Malia afrontar dividido as eleccións nos seus bastións de Meaño, Ribeira e Vilanova de Arousa, o PP non renuncia a nada e aspira a manter a maioría nos partidos xudiciais de Cambados e Noia. Porén, fican lonxe os tempos onde a dereita resultaba claramente hexemónica no plano electoral nas comarcas do Barbanza e do Salnés.
Habitantes de cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Habitantes de cada concello (datos do IGE de xaneiro).

A vida nos concellos ribeiraos da ría de Arousa non se explica sen o mar. Arredor do mesmo articúlase un potente complexo económico mar-industria que é a primeira actividade económica das comarcas do Barbanza e do Salnés. A este respecto, o último informe Ardán, publicado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo con datos referidos a 2021, sinala que 76% da riqueza da comarca do Barbanza procede  da pesca e das súas actividades asociadas, sumando as primeiras 150 empresas do sector na zona unha facturación de 2.219 millóns de euros. Ao tempo, a cadea mar-industria representa 31% do Produto Interior Bruto (PIB) no Salnés, situándose, tamén, á cabeza das actividades económicas na comarca.

O complexo pesqueiro galego atravesa un complicado momento, cuxos efectos son evidentes no Barbanza e no Salnés. Así, o veto á pesca de fondo en 87 caladoiros das augas comunitarias déixase notar de forma moi particular no porto de Ribeira, cunha relevante frota do arrastre, actualmente, no punto de mira da Unión Europea e do Estado. Asemade, o marisqueo vive unha particular crise na ría de Arousa, onde nos últimos 10 anos teñen caído en máis de 60% as capturas de ameixa até o punto de destruír desde 2018 arredor de 5,8% dos empregos, nunha actividade que ocupa 1.178 persoas na área do Salnés e 428 na do Barbanza. Ao tempo, a facturación da industria do conxelado e da conserva baixou en 2021 de modo significado, como demostran os resultados de Jealsa en Boiro ou de Frinsa en Ribeira.

O deterioro dos servizos públicos sentiuse nestes últimos catro anos. As comarcas do Barbanza e do Salnés lideraron algunhas das mobilizacións máis numerosas da Galiza en defensa da sanidade pública, con masivas manifestacións en Ribeira e Vilagarcía e múltiples protestas asociadas a situacións dos centros de saúde. Neste sentido, o feche dos consultorios de Atención Primaria de Taragoña en Rianxo, Cabo de Cruz en Boiro e Corrubedo en Ribeira xerou gran malestar na poboación.

Outro tanto, aconteceu cos recortes de servizos sanitarios nos hospitais de Ribeira e Vilagarcía, que se traduciu nunha caída da calidade asistencial e na derivación de pacientes destas comarcas aos hospitais de Compostela e Pontevedra.

As urnas do 28-M

O Partido Popular ostenta a Alcaldía de Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Ribeira. A este respecto, os populares apostan por manter estes tres Gobernos -malia a división da dereita en Ribeira e Vilanova de Arousa- e recuperar o Executivo de Ribadumia, após a fichaxe da candidatura do seu alcalde, David Castro, líder dunha formación independente conformada por antigos membros do PP. Amais, agardan aumentar a súa porcentaxe de votos en todo o distrito e pelexar polo segundo deputado do partido xudicial de Noia, que agrupa os concellos do Barbanza e das comarcas de Noia e Muros.

O PSdeG espera conservar a súa hexemonía no Salnés e mellorar as súas posicións no Barbanza. Así, na primeira das comarcas gobernan en cinco concellos, e apostan por sumar os votos necesarios para obter unha acta provincial máis no partido xudicial de Cambados, que lle outorgaría a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra. No caso do Barbanza, dan por seguro conservar a Alcaldía de Boiro, mesmo cunha alza no número de sufraxios, e considéranse en condicións de pelexar pola de Rianxo. Porén, recoñecen que esta é unha das comarcas da circunscrición onde a formación está máis débil, como certifican as cifras da Pobra do Caramiñal e de Ribeira.

O BNG dá por feito unha melloría nos seus resultados de hai catro anos. Neste sentido, aspiran a conservar a Alcaldía de Rianxo, após renovar o seu histórico cabeza de lista, Adolfo Muíños, incrementar a súa presenza no Goberno local da Pobra e aumentar a súa porcentaxe de votos en Ribeira e Boiro. Ao tempo, as perspectivas para os concellos do Salnés pasan por recuperar a súa presenza en Meaño e Ribadumia e sumar máis representación no resto de municipios da comarca.

As candidaturas de Esquerda Unida, Podemos e das antigas mareas concorren en cinco concellos da ría de Arousa. Unha delas, Nós Pobra, liderada polo rexedor da localidade, Xosé Lois Piñeiro García, aspira a reter a Alcaldía, dándose na zona unha fragmentación do espazo de Unidas Podemos, con listas diferenciadas entre Podemos e Esquerda Unida en municipios como Cambados, O Grove ou Vilagarcía de Arousa.

A dereita dividida

A dereita comparece dividida en Meaño, Ribadumia, Ribeira e Vilanova de Arousa. Así, en Meaño, o alcalde e militante popular até 2021, Carlos Viéitez, enfróntase á súa antiga formación, sucedendo outro tanto en Vilanova de Arousa con José Juan Ermida, competindo coa candidatura do PP encabezada polo seu irmán Gonzalo. Pola súa parte, o alcalde popular de Ribeira, Manuel Ruíz ten enfronte unha lista liderada polo seu antigo tenente de alcalde, Vicente Mariño, e apoiada polo antigo rexedor do PP José Luis Torres Colomer.

O PP só goberna 3 de 13 concellos

Socialistas, nacionalistas e candidaturas municipais progresistas mandan nos concellos da ría de Arousa. Porén, existe unha diferenza clara na dinámica política a unha beira e outra da ría. O PSdeG posúe a Alcaldía de cinco concellos. A continuación sitúase o PP, que mantén Sanxenxo, Ribeira e Vilanova de Arousa, así como a maioría de actas nos partidos xudiciais de Cambados e Noia. O BNG ocupa a terceira praza coa Alcaldía de Rianxo, e gobernando na Pobra con Nós Pobra, candidatura á que pertence o alcalde.


Alcaldes da ría de Arousa exixen máis solo industrial

Os rexedores Adolfo Muíños (Rianxo), Manuel Ruíz (Ribeira) e José Cacabelos (O Grove).
Os rexedores Adolfo Muíños (Rianxo), Manuel Ruíz (Ribeira) e José Cacabelos (O Grove).

A dinamización económica está no centro das propostas programáticas dos rexedores de Rianxo, Ribeira e O Grove. Neste sentido, o alcalde rianxeiro, o nacionalista Adolfo Muíños, explica a Nós Diario “a falta de solo industrial na comarca do Barbanza, con todos os parques empresariais sen espazo para acoller novas empresas e cun problema serio para o desenvolvemento económico da zona”. Asemade, expresa a súa “preocupación pola delicada situación do complexo pesqueiro” e critica que “a Xunta da Galiza creou un problema ao aplicar o decreto da mexilla, dividindo o sector e pondo en risco a actividade das 2.300 bateas operativas na ría”.

O alcalde de Ribeira, o popular Manuel Ruíz Ribas, formula a Nós Diario como unha prioridade “a necesidade dun novo polígono industrial para favorecer o emprazamento de empresas” e manifesta a súa preocupación pola situación do sector pesqueiro, urxindo a “diversificación da actividade económica na comarca para que non sexa tan dependente da pesca”.

O rexedor do Grove, o socialista José Cacabelos, significa a Nós Diario “o peso do complexo pesqueiro e do turismo na economía do Grove” e reclama “resolver os problemas de mobilidade co exterior e dentro da propia comarca”. A este respecto, apunta que “lévalle a unha viaxeira máis tempo chegar ao Grove desde Santiago de Compostela, un dos aeroportos de referencia para o noso turismo, que chegar en avión desde Madrid ou Bilbo”. Nesta perspectiva, reclama “máis liñas de transporte e mellor coordinación entre as liñas de transporte existentes”.

O rexedor de Rianxo urxe solucións ao déficit de servizos públicos no Barbanza. Neste sentido, demanda “reabrir cos cadros completos os centros de saúde da comarca e dotar de máis recursos o hospital comarcal”. Ao tempo, reclama “máis dotacións de prazas nas escolas infantís” e lembra que “o Concello de Rianxo vén de asinar un convenio coa Deputación da Coruña para construír unha residencia de maiores”. 

O alcalde de Ribeira márcase como obxectivo para o vindeiro mandato “a ampliación do hospital e a construción dunha residencia da terceira idade”. Precisamente, esta é unha das actuacións recollidas na Axenda 2023 do concello, onde se “definen actuacións en todos os ámbitos”, destacando o “remate da variante para construír a Ribeira do futuro”. Nesta dirección, considera que “chega ás eleccións cos deberes feitos” e a aspiración “de lograr a maioría absoluta”, da que ficou a dúas actas hai catro anos.

O alcalde do Grove, pola súa parte, denuncia a situación da sanidade no seu concello. Afirma que “no Grove non hai Atención Primaria” e explica que “cando isto funcionaba contabamos con sete médicos e agora só con tres. Ademais, até 2019, dispuñamos de dous pediatras e agora de ningún, até o punto de que hai nenas e nenos de menos de dous anos que nunca foron atendidos por unha pediatra”.  Nesta perspectiva critica o labor da xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, xa que “ten centros de saúde con todas as prazas de médico cubertas e porén ten outros en situación de absoluto abandono”.

Comentarios