Goberno PP-Vox en Castela e León

A "mellora da calidade democrática" do PP de Feixoo: pactos de goberno con Vox

O presidente en funcións de Castela e León xustificou o seu pacto coa extrema dereita e pediu que non se xulgase aínda o Goberno de coalición, pese a que Vox xa anunciou que cargará contra as leis de violencia de xénero e memoria histórica da autonomía.
Jaun García-Gallardo e Alfonso Martínez Mañueco, durante o pleno desta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Jaun García-Gallardo e Alfonso Martínez Mañueco, durante o pleno desta segunda feira. (Foto: Europa Press)

O candidato á investidura como presidente da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, xustificou o acordo de goberno que impulsou coa formación de extrema dereita Vox como unha "mellora da calidade democrática" no Estado español. Fíxoo durante a primeira sesión do pleno de investidura que decorre nesta segunda feira, e no que sumará o único apoio dos ultradereitistas.

Mañueco, que contou desde o primeiro momento co apoio do presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, para pactar con Vox, afirmou que era a "única alternativa" a unha nova cita electoral, e asegurou "catro anos de estabilidade" para Castela e León.

"Todos debemos felicitarnos polo resultado, é un acordo que respecta plenamente os principios que asumín ao comezar o proceso de negociación, é un acordo que reflicte a vontade amplamente maioritaria expresada polos casteláns e leoneses na última cita electoral e é un acordo que plasma a única alternativa viábel para evitar unha repetición electoral que ninguén quería", defendeu.

O actual presidente en funcións da autonomía presentou o programa de Goberno co que pretende impulsar a XI lexislatura da man da extrema dereita españolista.

Representación "moi renovada"

Mañueco destacou que os comicios do pasado 13 de febreiro tiveron como consecuencia unha representación "moi renovada". "É a máis plural da nosa historia autonómica, con representación de até oito formacións políticas distintas", sinalou.

Neste punto, Fernández Mañueco expresou o seu recoñecemento ao líder de Vox en Castela e León, Juan García-Gallardo, pola súa "vontade de diálogo".

"Somos dous partidos distintos, cada un coas súas lexítimas posicións, que os casteláns e leoneses coñecen sobradamente, pero soubemos dar exemplo de xenerosidade, responsabilidade e capacidade de acordo. Falando, negociando, e buscando puntos de encontro cando era preciso para alcanzar os consensos necesarios", resolveu.

Sobre este asunto, Fernández  Mañueco apuntou que o pacto é "necesario" para mellorar o futuro de Castela e León, para pedir despois que o próximo Goberno de Castela e León sexa xulgado polos seus feitos e os seus resultados. pese a que Vox xa anunciou que cargará contra as leis de violencia de xénero e memoria histórica da autonomía.

Comentarios