Feixoo equipara o ultraespañolista Vox con Podemos, Bildu e ERC

Considera unha "broma" que o PSOE lle pida non pactar coa formación de Abascal cando goberna con Podemos en España e se apoia en Bildu e ERC.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, á saída da sesión de control. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, considera unha "broma" que o PSOE lle pida non pactar con Vox en Castela e León cando goberna con Podemos en España e ten como socios a Bildu e ERC. É máis, subliñou que en Navarra os socialistas están a gobernar coa esquerda abertzale.

"Entendo que iso é unha broma. Que o PSOE nos diga 'aquí hai que romper con Vox' e o PSOE gobernando con Bildu en Navarra, con Podemos no Goberno de España e cos apoios de ERC e Bildu para sacar orzamentos e leis. Supoño que o manual de coalicións do PSOE é xusto o manual do que non se pode utilizar", recalcou Feixoo nunha entrevista na Cadena Ser.

O debate de investidura de Alfonso Fernández Mañueco como presidente da Xunta de Castela e León, tras o acordo de Goberno asinado con Vox, terá lugar a segunda feira 11 de abril, case dous meses despois das eleccións autonómicas do 13 de febreiro. A toma de posesión está prevista despois de Semana Santa, o 19 de abril.

Obxectivo: reagrupar o centrodereita

Preguntado se haberá máis pactos do PP coa ultradereita como o de Castela e León, Feixoo indicou que o obxectivo do seu partido é "conseguir o reagrupamento do centrodereita en España".

"O obxectivo é gañar as eleccións", proclamou, para deixar claro que el non aspira a ser un partido "bisagra" para sumar con outras formacións poder chegar á Moncloa ofrecendo "inestabilidade política e económica" ao país.

Neste sentido, subliñou que o PP gañou en Castela e León e pediu ao PSOE a súa abstención na investidura, mais dixo que "non". Por iso, cualificou de "broma" que o PSOE lle pida non chegar a acordos con Vox cando os seus socios son Podemos, Bildu e ERC.

Vox

Sobre se cre que Vox é un partido democrático, Feixoo asegurou que a formación de Santiago Abascal "preséntase ás eleccións, ten votos e ten escanos". "E isto é a democracia", apostilou.

En canto a se as declaracións do deputado de Vox no Congreso comparando a Pedro Sánchez con Adolf Hitler e ao ministro Félix  Bolaños co xerarca nazi Joseph Goebbels, Fexoo admitiu que non lle gustaron esas palabras.

"As cousas que oio no Congreso dos Deputados moitas veces non me gustan. O que pasa é que me parece máis grave cando iso o fai o partido do Goberno". Neses casos, engadiu, hai un "plus de irresponsabilidade".

Adeus á Xunta en maio

Por outra parte, Feixoo situou en maio a súa sucesión á fronte da Xunta da Galiza. Sen dar unha data concreta sinalou "o mes de maio" e engadiu que no Parlamento hai un procedemento para seguir coa sesión de investidura e votacións.

O líder do PP tamén deixou a porta aberta a ser senador. "Primeiro gustaríame falar cos grupos parlamentarios e dunha forma moi especial cos portavoces. E, despois, loxicamente dunha forma xa moi determinante, co comité de dirección do Grupo Popular no Senado", asegurou ao respecto a pasada quinta feira.

Comentarios