Formoso responsabiliza Feixoo de "autorizar a involución" do pacto con Vox en Castela e León

"Non caben ambaxes nin ambigüidades. Hai que dicir que non", precisou o secretario xeral do PSdeG nun acto no que escenificou a "unidade" do socialismo galego.
González Formoso xunto David Regades, Bernardo Fernández, José Tomé e Rafael Villarino entre outros.
photo_camera González Formoso xunto David Regades, Bernardo Fernández, José Tomé e Rafael Villarino entre outros.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, responsabiliza o presidente da Xunta e candidato a presidir o PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, de "autorizar a involución" do pacto entre Partido Popular e Vox no Goberno de Castela e León, unha decisión que provoca "estupefacción" entre os populares europeos, dixo.

Nunha comparecencia en Santiago, na que escenificou a "unidade" do socialismo galego, Formoso deixou claro que o papel do PSdeG será "frear" esa "involución que está a propor Alberto Núñez Feixoo ao resto do Estado" co seu pacto con Vox.

Así, apunta a Feixoo como responsábel de permitir que se ampare "unha formación que pon en cuestión os valores que máis defende a sociedade galega", entre o que citou a igualdade entre homes e mulleres, que "están en risco coa autorización" do futuro presidente dos populares en España.

Respecto diso, alerta dos riscos que provoca que "Vox xestione áreas de goberno en Castela e León" en cuestións como os matrimonios entre persoas do mesmo sexo e a lei de eutanasia.

"Un presidente que estea presente"

González Formoso advertiu que a Galiza "necesita un presidente que estea presente". "Non compartimos esa fotografía de compatibilidade de estar nas Fallas onte en Valencia mentres os pescadores están a amarrar a frota por dificultades económicas", recriminou.

Tampouco comparte "estar na Palma mentres os agricultores galegos e galegas están a aparcar os seus tractores por dificultades económicas". E afea a "xira autonómica" de Feixoo no canto de sentar cos transportistas.

"Se non o fai a Xunta da Galiza, se non o fai o PPdeG, vaino facer o Partido Socialista da Galiza", deixa claro o líder do PSdeG.
Neste sentido, insiste en emprazar a Feijóo a que "se comprometa co seu país" e "dea prioridade ao seu país" por riba de "opcións persoais".

Preguntado sobre as declaracións de Núñez Feixoo nas que culpa ao PSOE do pacto entre PP e Vox en Castela e León, Formoso precisou que "non caben ambaxes nin ambigüidades", pois "hai que dicir non".

"O presidente do Partido Popular europeo, non o presidente da agrupación de Barbadás, As Pontes ou Tui, considera que esta autorización por parte de Alberto Núñez Feixoo é unha mala noticia para a democracia, que espera que non se estenda a outras comunidades; por tanto, máis nada que dicir", finalizou.

Comentarios