Pacto PP-VOX en Castela e León: Feixoo abre por primeira vez as portas dun goberno á extrema dereita

Os ultradereitistas e españolistas ocuparán a Presidencia das Cortes, a vicepresidencia do Goberno de Castela e León e tres consellarías.
O candidato de Vox, Juan Ignacio Gallardo, e o presidente de Castela e León, Alfonso Pérez Mañueco. (Foto: Photogenic/Claudia Alba/Europa Press)
photo_camera O candidato de Vox, Juan García-Gallardo, e o presidente de Castela e León, Alfonso Pérez Mañueco. (Foto: Photogenic/Claudia Alba/Europa Press)

Vox ocupará a Presidencia das Cortes de Castela e León e tanto a vicepresidencia como tres consellarías do Goberno da autonomía, despois de chegar aun acordo de coalición co Partido Popular (PP).

Anunciouno o actual presidente en funcións de Castela e León, Alfonso Pérez Mañueco, no día de onte nas súas redes sociais: ofrecera un acordo de Goberno á formación de extrema dereita españolista para incluila dentro do Executivo da autonomía.

O acordo, segundo sinala Europa Press, pechouse "in extremis" pouco antes do comezo do acto de consticución das Cortes de Castela e León. Precisamente, Vox ameazara con votar aos seus propios candidatos á presidencia das cortes se non existía un acordo global co PP.

Con este acordo, o candidato de Vox, Juan García-Gallardo, posto a dedo pola dirección estatal do partido de Santiago Abascal e recoñecido machista, misóxino e homófobo ocupará a vicepresidencia do Goberno da autonomía, que até antes das eleccións ostentaba Francisco Igea, de Ciudadanos (C's).

A "moderación" de Feixoo 

Co acordo entre PP e Vox, o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que leva actuar de facto como máximo dirixente dos populares desde que anunciou a candidatura para presidir o Partido Popular a nivel estatal, abre a porta por primeira vez á extrema dereita para que forme parte dun goberno no Estado español, algo que non pasaba desde o remate da ditadura.

Precisamente, esta primeira decisión de Feixoo á fronte do PP recibiu as duras críticas do secretario de organización do Partido Socialista (PSOE), Santos Cerdán, que afirmou no seu Twitter "a moderación de Feixoo era isto", minutos despois de coñecerse o pacto.

O portavoz do PSOE, Felipe Sicilia sumouse ás críticas do seu compañeiro de formación. Tamén en Twitter, publicou "Núñez Feixoo estréase ao grande. Primeiro tapando as posíbeis corruptelas de Ayuso. E hoxe, permitindo que, por primeira vez, a extrema dereita de Vox entre nun Goberno.

No día de onte, o candidato á presidencia estatal do PP afirmaba que pediría ao PSOE que se abstivese para facilitar a investidura de Mañueco e evitar a repetición electoral. Porén, en referencia ao acordo con Vox que finalmente terminou producíndose, matizou que o PSOE debería rachar as alianzas cos "patidos independentistas ou popilistas", antes de darlle leccións a el.

Comentarios