O Partido Popular europeo, preocupado polo pacto PP-Vox en Castela e León apoiado por Feixoo

Donald Tusk cualificou de "capitulación" ante Vox o acordo de goberno ofrecido por Alfonso Pérez Mañueco á extrema dereita, que entrará por primeira vez nun goberno dentro do Estado español desde o remate da ditadura franquista.
O presidente do PPE, Donald Tusk, após a reunión de dirixentes da UE en Versalles. (Foto: EPP/dpa)
photo_camera O presidente do PPE, Donald Tusk, após a reunión de dirixentes da UE en Versalles. (Foto: EPP/dpa)

O presidente do Partido Popular Europeo (PPE), Donald Tusk, mostrouse preocupado polo pacto de goberno en Castela e León entre PP e Vox que foi apoiado polo aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, como líder de facto da formación.

Tusk, que anteriormente foi presidente do Consello Europeo, afirmou que agarda "só sexa un accidente e non unha tendencia na política española". O líder do PPE conversou cos medios comunicación na reunión previa dos populares ao cumio de líderes da Unión Europea (UE) que decorreu en Versalles.

Á reunión do PPE acudiu o presidente do Partido Popular estatal, Pablo Casado, que se manterá no cargo até que o suceda Feixoo. Precisamente, o presidente dos populares europeos destacou a figura de Casado como unha "garantía persoal" de manter o PP no centro dereita e non facer pactos con Vox, formación "radical e ultradereita".

Deste xeito, o dirixente polaco avisou ao presidente do Goberno galego que pactar cun partido político afín á extrema dereita como Vox non entra dentro das visións do PPE, ao que pertence o Partido Popular.

"Capitulación" ante Vox

Para o presidente do PPE, o pacto con Vox é unha "capitulación" da nova dirección do Partido popular, encabezada por Feixoo, ante a ideoloxía de extrema dereita que representa a formación de Santiago Abascal.

Para Tusk, o acordo PP-Vox en Castela e León apoiado por Feixoo "é un sinal moi forte para nóss de que temos que loitar contra eses desexos de construír forzas políticas en apariencia fortes pero que a longo prazo supoñen unha capitulación".

Nun sentido semellante posicionouse o dirixente do PP frances, 'Les Republicains', que puxo de exemplo o seu rexeitamento á líder de extrema dereita francesa Marine Le Pen.

As declaracións dos principais líderes da dereita conservadora europea producíronse horas despois de que Feixoo culpase o PSOE do pacto entre PP e Vox en Castela e León, que fará vicepresidente ao candidato machista e homófobo Juan García-Gallardo, ademais de outorgarlle a Vox tres consellarías.

Comentarios