Vox cargará desde o Goberno de Castela e León contra a Lei de violencia machista e o decreto de memoria

Que non se fale de "violencia de xénero" e que se derrogue o decreto autonómico de memoria histórica. Estes serán dous dos obxectivos de Vox desde o Goberno de Castela e León, ao que Alberto Núñez Feixoo abriu a porta.
Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Fernández Mañueco, durante un acto de campaña (Foto: Claudia Alba / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Fernández Mañueco, durante un acto de campaña (Foto: Claudia Alba / Europa Press).

Partido Popular e Vox ultiman os flocos do pacto de Goberno en Castela e León a respecto do reparto de carteiras. Uns detalles nos que non quixo entrar Santiago Abascal, líder da formación ultraespañolista, nunha entrevista concedida a Federico Jiménez Losantos en esRadio.

Na conversa, o dirixente de extrema dereita puxo de manifesto que Vox exixirá desde o Executivo de Castela e León que "non se fale de violencia de xénero" e que se derrogue a "lexislación ideolóxica esquerdista sobre memoria histórica", en alusión ao decreto autonómico sobre a materia.

O socio de Goberno do PP en Castela León, co visto e prace de Alberto Núñez Feixoo como único candidato á Presidencia do partido a nivel estatal, fará "todo o posíbel" para que se fale de "violencia intrafamiliar". Un termo sobre o que polemizou a semana pasada o aínda presidente da Xunta da Galiza.

Na mesma liña, o líder de Vox afirmou que traballan para que "non se criminalice os homes" e para que "non haxa ningunha discriminación para as axudas das vítimas de violencia intrafamiliar".

Abascal lanzou unha mensaxe ao PP: se incumpre "flagrantemente" os acordos ou se ve que nuns meses o acordo é "inútil para un cambio de rumbo", deixarán o Executivo. Farano, insistiu, se o Goberno de Castela e León "é ineficaz para os nosos electores". Porén, o pacto entre ambos os partidos españois deixou fóra a derrogación da lexislación contra a violencia machista e a do decreto sobre memoria.

O dirixente de ultradereita sinalou que a entrada de Vox no Goberno dunha comunidade autónoma española representa o "piso piloto para o futuro de España" e confiou en reeditar o pacto co PP noutros puntos do Estado español.

Precisamente, o acordo de PP e Vox en Castela e León foi a primeira medida de alcance dos populares españois con Feixoo á fronte, como único candidato a presidir o partido a nivel estatal. Un pacto moi contestado desde os partidos políticos progresistas polo que significa que a extrema dereita, co partido ultraespañolista Vox á fronte, vaia cogobernar unha autonomía grazas ao PP.

Comentarios