O Estado defende a concesión da AP-9

Néstor Rego reclama unha autoestrada "galega e libre de peaxes"
Retencións na AP-9, nas inmediacións de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Retencións na AP-9, nas inmediacións de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O Goberno estatal advertiu hoxe de que "a data actual" non existe ningún pronunciamento da Comisión Europea que declare contraria a dereito a prórroga da concesión da autopista AP-9 e que, en consecuencia, "tanto a Administración como a sociedade concesionaria están legalmente obrigadas ao cumprimento do contrato concesional".

Así o trasladou o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) en resposta a unha pregunta do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sobre a suba das peaxes e sobre o financiamento anticipado da prórroga da concesión -aprobada no ano 2000 con vixencia até 2048-.

O deputado nacionalista rexistrou a principios de ano unha batería de preguntas relacionadas co incremento das peaxes -unha suba prevista inicialmente de 9,4% pero que se limitará a 4% para as persoas usuarias, sendo o resto asumido pola Administración estatal- e coas medidas que debía tomar o Ministerio para pór fin á concesión cuxa prórroga foi declarada ilegal pola UE".

Proceso de infracción

A Comisión Europea abriu un expediente ao Estado español por considerar que a última ampliación da concesión non se axustou á normativa europea, xa que debía convocarse unha licitación pública, polo que requiriu ao Goberno estatal para que enviase alegacións.

Xa nunha resposta de xullo do ano pasado, tamén a Rego, o Mitma sinalaba que este procedemento de infracción aínda non concluíra e que o Executivo estatal non tiña previstas "actuacións que poidan afectar á relación contractual da concesión" mentres a Comisión Europea non se pronunciase.

O BNG reclama o desbloqueo da AP-9

Néstor Rego urxiu ao Goberno estatal a finalizar a concesión e a rescatar a autoestrada da AP-9 para que sexa "galega e libre de peaxes". O nacionalista pediu desbloquear a tramitación no Congreso do Proxecto de Lei para a transferencia da AP-9 á Galiza e completar o procedemento co texto aprobado pola unanimidade do Parlamento galego.

Ademais, a fronte nacionalista tamén exixiu rematar coa concesión AP-9 "despois de que a UE declarase ilegais as prórrogas de 10 e 25 anos realizadas polos gobernos de PSOE e PP". “Levamos pagado ilegalmente desde 2013 a 2023 unha infraestrutura que debería de ser pública e gratuíta”, sentenciou Rego.

Comentarios